17/12/08

Grazas polo voso apoio

Hoxe celebráronse eleccións a representantes nas xuntas de centro da Universidade de Santiago de Compostela. Despois de seguir esta xornada electoral na miña facultade como candidato a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo por IESGA e de estar no reconto dos votos, podo informarvos do resultado destas eleccións na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, que foi o seguinte: a Asemblea de Estudantes de CC.PP. terá 9 representantes e IESGA teremos 2 representantes na Xunta de Facultade.

Por parte de IESGA saímos elixidos o meu compañeiro Alejandro Peso e eu. Así que quero agradecervos a tódolos compañeiros e compañeiras da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais que nos destes a vosa confianza para que fosemos os vosos representantes na Xunta de Facultade. Un agradecemento que tamén vos dou en nome de IESGA a tódalas persoas que nos apoiastes nestas eleccións. Especialmente quero agraceder o traballo que realizaron os meus compañeiros e compañeiras de IESGA, xa que sen o seu esforzo este resultado non sería posible. E tamén quero felicitar aos compañeiros e compañeiras da Asemblea de Estudantes de CC.PP. que saíron elixidos para ser as representantes do alumnado, aos que lles desexo moita sorte no seu traballo.

A miña valoración destes resultados acadados por IESGA é moi positiva, porque pasamos de non ter representación na Xunta de Facultade a ter 2 representantes. E aos meus compañeiros de IESGA, Mario, Álvaro, María, Abel e Bernabé, que non saíron elixidos, que tamén traballaron intensamente para conseguir esta representación, doulles as grazas e ánimos para seguir traballando, porque estou seguro que se seguimos traballando como o estamos facendo o resultado de IESGA mellorará. Como representante electo e como Coordinador de IESGA na facultade tédesme a vosa disposición para o que poida axudarvos. Agora traballaremos na Xunta de Facultade pola defensa dos intereses do estudantado e para que as nosas propostas electorais sexan unha realidade.

Se queredes máis información sobre este proceso electoral ou saber quen vos vamos a representar podedes velo no apartado dedicado a estas eleccións na web da USC.

1 comentario:

  1. Noraboa Diego! Estaba segura de que sacariamos algún representante e así foi! Ademais como dis ti, si seguimos traballando, conseguiremos máis logros! Ánimo nesta nova tarefa (xa tes unhas cuantas!) e conta comigo para o que precises! Noraboa tamén a Alejandro e a todos os compañeiros de IESGA! Agora a traballar!

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.