25/08/10

O rural achégase ás Novas Tecnoloxías

A rede de Telecentros Rurais do Concello de Lugo consta na actualidade con oito sedes, situadas nas antigas escolas rurais de: Coeses, Calde, Castelo, O Veral, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda, Santa Comba e San Pedro de Mera. Estes telecentros están dotados coa última tecnoloxía, unha rede de banda ancha WiMAX/Wifi.

Ante a boa acollida dos veciños das zonas rurais lucenses, o Concello de Lugo está a ampliar esta rede de Telecentros con doce sedes máis; así os futuros telecentros estarían situados nas parroquias de: Adai, Barbaín, Bocamaos, O Burgo, Camoira, Pedreda, Poutomillos, Rubiás, Saá, San Xoán do Alto, Vilachá de Mera e Meilán.

Con esta iniciativa o Concello de Lugo pretende achegar aos veciños da zona rural de Lugo, o uso das Novas Tecnoloxías. Para lograr este labor configurouse o proxecto PARNET-TIC, un proxecto transfronteirizo para fomentar a sociedade de información, que contribuirá con interesantes actividades de diverso índole (informativas, formativas, lúdicas...) a mostrarlles aos cidadáns da zona rural lucense as vantaxes da utilización da tecnoloxía TIC nas súas prácticas diarias, así como achegar a administración electrónica (e-administración) aos máis de 3.685 veciños que se beneficiarán da devandita iniciativa.

Dentro do proxecto PARNET-TIC, dous titores TIC, seremos os encargados de fomentar a Sociedade da Información nos territorios rurais, fomentando o uso da e-administración e a e-participación. E podedes atopar máis información no cuarto número do boletín electrónico mensual de PARNET-TIC, que acabamos de publicar, onde dun xeito próximo, recollemos as actividades levadas a cabo polo Proxecto así como un breve adianto de eventos futuros e outro tipo de actos que poidan resultar de interese e que teñan que ver coa temática TIC e a Administración Pública.

23/08/10

Os cambios na Deputación

Sen lugar a dúbidas, os cambios que se levan producido na Deputación de Lugo co actual equipo de goberno provincial, están transformando e mellorando a nosa provincia. Agora contamos cun Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que traballa contando cos alcaldes e cos veciños de tódolos concellos da provincia, para resolver os problemas que lles afectan.

En tan só tres anos, a Deputación cumpriu o 98% do programa de goberno. Dos 11 puntos que se marcaron en xullo de 2007, dez deles están feitos. Eran os seguintes: impulsar a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial, de xeito que hoxe SUPLUSA traballa non só en clave de polígonos senón tamén en dotacións sociais con retorno económico; promover a comparecencia regrada dos Presidentes das Deputacións no Parlamento Galego, algo tan normal pero que era extraordinario hai tres anos.

Tamén se está a coordinar políticas coa Xunta de Galicia nos ámbitos nos que a Comunidade Autónoma é titular de competencias, de tal xeito que se pasou de ser a única Deputación española que aínda mantiña hospitais a iniciar o proceso histórico de traspaso ó SERGAS e de ser a única provincia galega sen bombeiros a poñer en marcha o consorcio provincial de extinción de incendios.

Outros puntos cumpridos do acordo son: iniciar o proceso de compensación aos Concellos afectados polo canon enerxético, asunto no que a Deputación xa investiu 11 millóns de euros de acordo cos municipios afectados; cumprir coa Lei de Normalización Lingüística; impulsar unha nova política de selección de persoal; establecer como prioridade da Deputación a cooperación e asistencia aos Concellos con baremos obxectivos e impulsando as accións mancomunadas. Na actualidade, os programas de cooperación aforran aos Concellos preto de 78 millóns de euros.

Ademais, a Deputación foi a primeira Administración galega cun plan económico-financeiro, que lle permite manter a estabilidade económica e acadar a estabilidade financeira un ano antes da vixencia do plan. Agora os novos retos do organismo provincial, seguindo o primeiro Plan Estratéxico da provincia, están a ser as accións mancomunadas cos Concellos, a consolidación da administración electrónica, acadar o pacto polo campo e captar novos fondos europeos.

04/08/10

Unha estación intermodal para Lugo

Esta mañá o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Ministro de Fomento, José Blanco; e o Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asinaron o protocolo para a implantación dunha estación intermodal na cidade de Lugo. Na nova estación intermodal, que se situará na ubicación da actual estación de RENFE, integrarase a estación ferroviaria de alta velocidade cos demáis sistemas de transporte urbán e interurbán para facilitarlles aos usuarios o intercambio entre o ferrocarril e outros medios de transporte.

Na negociación para conseguir este importante acordo o Alcalde, defendendo os intereses de Lugo, conseguiu que se incorpore claramente que o pobo de Lugo non vai a ter que poñer nin un só euro, nin ceder e recalificar ningunha das parcelas do patrimonio municipal de solo que nada teñen que ver con estas actuacións. Polo que non lle custara nada ao Concello á reurbanización da zona na que se situará a nova estación intermodal, xa que o Ministerio de Fomento aportará o 50% e o outro 50% vaino aportar a Xunta. O Concello de Lugo só se terá que encargar da reurbanización dos actuais terreos da estación de autobuses, que son propiedade municipal.

Ademáis, o protocolo asinado hoxe, que respecta a ubicación estratéxica da actual estación ferroviaria de Lugo, establece a necesidade de optimizar recursos, integrando os servizos de hostalería, aparcamento, equipamentos de oficinas e comercias nas instalacións actuais cos previstos na remodelación futura. Para elo, aportaranse os recursos económicos necesarios.

Máis concretamente, o protocolo establece a remodelación do feixe de vías existente para a súa adaptación á chegada da alta velocidade e a construcción dun novo edificio de viaxeiros, que se integre no actual, así como a remodelación do conxunto de instalacións ferroviarias para favorecer a intermodalidade cos demáis sistemas de transporte. Deste xeito, como dixo o Alcalde, poderase facer realidade esta infraestrutura, que é moi importante para a modernización de Lugo.