23/08/10

Os cambios na Deputación

Sen lugar a dúbidas, os cambios que se levan producido na Deputación de Lugo co actual equipo de goberno provincial, están transformando e mellorando a nosa provincia. Agora contamos cun Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que traballa contando cos alcaldes e cos veciños de tódolos concellos da provincia, para resolver os problemas que lles afectan.

En tan só tres anos, a Deputación cumpriu o 98% do programa de goberno. Dos 11 puntos que se marcaron en xullo de 2007, dez deles están feitos. Eran os seguintes: impulsar a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial, de xeito que hoxe SUPLUSA traballa non só en clave de polígonos senón tamén en dotacións sociais con retorno económico; promover a comparecencia regrada dos Presidentes das Deputacións no Parlamento Galego, algo tan normal pero que era extraordinario hai tres anos.

Tamén se está a coordinar políticas coa Xunta de Galicia nos ámbitos nos que a Comunidade Autónoma é titular de competencias, de tal xeito que se pasou de ser a única Deputación española que aínda mantiña hospitais a iniciar o proceso histórico de traspaso ó SERGAS e de ser a única provincia galega sen bombeiros a poñer en marcha o consorcio provincial de extinción de incendios.

Outros puntos cumpridos do acordo son: iniciar o proceso de compensación aos Concellos afectados polo canon enerxético, asunto no que a Deputación xa investiu 11 millóns de euros de acordo cos municipios afectados; cumprir coa Lei de Normalización Lingüística; impulsar unha nova política de selección de persoal; establecer como prioridade da Deputación a cooperación e asistencia aos Concellos con baremos obxectivos e impulsando as accións mancomunadas. Na actualidade, os programas de cooperación aforran aos Concellos preto de 78 millóns de euros.

Ademais, a Deputación foi a primeira Administración galega cun plan económico-financeiro, que lle permite manter a estabilidade económica e acadar a estabilidade financeira un ano antes da vixencia do plan. Agora os novos retos do organismo provincial, seguindo o primeiro Plan Estratéxico da provincia, están a ser as accións mancomunadas cos Concellos, a consolidación da administración electrónica, acadar o pacto polo campo e captar novos fondos europeos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.