29/03/09

IESGA presidirá o CXG

A asociación estudantil IESGA presidirá durante os vindeiros dous anos o CXG (Consello da Xuventude de Galicia), despois de obter a maioría absoluta na XL Asemblea do CXG celebrada onte. A candidatura encabezada por Azucena Rodríguez Amoroso, Coordinadora Nacional de IESGA e, ata o de agora, Secretaria Xeral do CXG, obtivo o respaldo maioritario nesta Asemblea Xeral.

Deste xeito o organismo representativo da mocidade galega contará nesta nova etapa cun Vicepresidente do sindicato UGT-GALICIA e inclúe no seu Comité Permanente a entidades de tempo libre como INICE, Scouts de Galicia-ASDE, Juventudes Marianas Vicencianas ou A Tropa dos Xacobiños.

Como Coordinador de IESGA na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e conselleiro representante de IESGA nesta Asemblea alégrome moito por este acontecemento, que ven a recoñecer o importante traballo levado a cabo pola nosa organización e pola nosa compañeira Azu, á que quero felicitar dende aquí, igual que felicito aos demais membros do novo Comité Permanente.

Estou seguro que farán un importante labor á fronte deste organismo pola xuventude e polo asociacionismo xuvenil, como a xestión do Comité Permanente saínte, que foi votado cun respaldo maioritario despois de que a Presidenta saínte, Loli Rodríguez Amoroso explicara o importante salto dado polo CXG nestes anos. Polo que quero recoñecer o traballo feito dende o CXG, felicitando á compañeira Loli e ao seu equipo polos grandes avances que conseguiron.

E aproveito para denunciar a actitude manifestada por varias asociacións políticas nacionalistas e conservadoras, por intentar boicotear esta Asemblea, pola irrupción que fixeron na mesma co ánimo de conseguir a súa paralización e debido ás descualificacións e insultos que verteron contra os representantes das entidades que estabamos alí reunidos. Estes foron uns feitos lamentables, que non conseguiron facer sombra ao gran traballo que leva a cabo o CXG.

23/03/09

Blog de IESGA Políticas

En IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) apostamos polas Novas Tecnoloxías, porque son unha ferramenta que nos axuda a coñecer a opinión dos estudantes e a poder informalos do que lles interesa. Por iso agora na web de IESGA temos un blog para cada facultade, que ten a función dun espazo máis personalizado para achegar a información.

E como Coordinador de IESGA na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC teño que dicir que me parece moi boa idea, porque así podemos estar máis preto de toda a comunidade universitaria. Deste xeito os representantes dos estudantes na Xunta de Facultade de IESGA temos unha ferramenta á nosa disposición para poder comunicarnos cos compañeiros e compañeiras que representamos e achegarlles os asuntos que lles afectan.

Dende IESGA defendemos os teus intereses na Xunta de Facultade, como se recolle no primeiro comentario do blog de IESGA Políticas, onde tedes información da Xunta de Facultade do 12 de marzo. Poderedes ver as preguntas que lle fixemos ao equipo decanal e as respostas que obtivemos. Agora velaremos polo cumprimento do prometido e seguiremos traballando para que a voz dos estudantes sexa escoitada e tida en conta por parte dos órganos encargados de tomar as decisións na facultade.

Así que dende aquí anímovos a que utilicedes esta ferramenta tecnolóxica que poñemos a vosa disposición e a que participedes, porque así xuntos faremos que a nosa facultade mellore.

16/03/09

Comprometidos cos nosos veciños

Dende a Xunta Directiva da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol, da cal son o seu Secretario, recibimos con moito agrado a nova de que a Mesa de Contratación do Concello de Lugo celebrada o pasado venres 13 de marzo, aprobou a adxudicación de cinco proxectos que forman parte dos 79 incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local. Un deles é o arranxo do camiño dende a N-VI ao límite con Outeiro por Bagueixos e A Brea na parroquia de Tirimol, para o que se presentaron 6 empresas e propúxose como adxudicataria a Asogal cun prezo de 143.740 euros.

Un proxecto que xa está rematado é o do peche do Campo de Fútbol de Tirimol, unha obra para á que recibimos 12.000 euros do Concello de Lugo para a súa realización. Outro proxecto concluído foi a instalación de 14 puntos de luz en distintos lugares da parroquia para eliminar os puntos negros do alumeado público, o que supuxo a inversión de 16.000 euros por parte da Concellería de Medio Ambiente e Zona Rural do Concello de Lugo.

Ademais hoxe a Brigada de Vías e Obras do Concello de Lugo comezou as tarefas de bacheo e mantemento dos principais camiños da parroquia, que debido ás malas condicións meteorolóxicas deste inverno, atópanse en mal estado. E todo este traballo, que xa é unha realidade, é un aval do que se continuará a facer no conxunto de Lugo en 2009, aínda que nalgúns casos trátese de proxectos que precisan bastante tempo para que se poidan materializar debido a complexidade técnica dos mesmos, como é o caso do proxecto de saneamento de Tirimol, do que xa esta rematado o seu proxecto e que xa lles presentamos aos veciños e veciñas, o cal suporá unha inversión de máis de 1 millón de euros na nosa parroquia e que pronto será unha realidade.

Estes proxectos demostran o traballo que realizamos dende a nosa Asociación e dende o Equipo de Goberno do Concello de Lugo para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos na parroquia de Tirimol. O que demostra o noso compromiso con Tirimol e co seu progreso e desenvolvemento. Unha tarefa na que continuaremos a traballar xuntos, para que a nosa parroquia siga mellorando.

12/03/09

Sumando ideas

SUMANDO IDEAS PARA O SOCIALISMO GALEGO

Os socialistas galegos debemos facer unha profunda reflexión sobre a mensaxe que a cidadanía de Galicia nos transmitiu o pasado 1-M, e ao tempo dar un paso adiante.

Facelo esíxenos lembrar e defender os avances acadados nestes catro anos, pero tamén recoñecer e emendar os erros cometidos na nosa acción política.

Non debemos esquecer que máis de medio millón de galegas e galegos depositaron a súa confianza no proxecto dos socialistas de Galicia. Merecen atopar en nós un novo camiño e unha proposta maioritaria, de presente e de futuro, que canalice as inquedanzas dunha parte moi importante da sociedade galega.

Esta confianza tamén nos esixe un esforzo encamiñado a consolidar e aumentar o apoio recibido, a ensanchar e converter ao PSdeG-PSOE nun partido maioritario, forte e con grande presenza na sociedade galega, representativo da maioría social do noso país.

Para isto necesitamos facer unha serena pero profunda renovación das estruturas organizativas e do modelo de partido, co obxecto de facer posible a extensión e penetración do PSdeG no conxunto do territorio e nas redes sociais e económicas de Galicia, estando presente en tódolos ámbitos da sociedade galega e potenciando o papel dos/as militantes socialistas, da súa participación interna e externa, como verdadeiros activos do noso proxecto político. O PSdeG ten que ser un bo reflexo da maioría social deste país.

Como primeiro paso aspiramos a fomentar un debate de ideas e propostas de cara ó Congreso Extraordinario do 25 de Abril, onde teñan cabida a autocrítica e a discrepancia, pero afastándonos de actitudes cainitas e sen permitir que a dereita marque os nosos debates e a nosa axenda política.

Queremos facer do PSdeG un partido forte, sen complexos, asentado nos valores do socialismo democrático cun proxecto autónomo. Ser a referencia galega da esquerda, alí onde se ubican milleiros de cidadás e cidadáns do noso país que cren na liberdade, na igualdade, na solidariedade e na xustiza social.

A través deste manifesto pretendemos promover o debate e o contraste de alternativas. Facemos un chamamento á participación colectiva de toda a militancia e da cidadanía para fortalecer un proxecto socialista que se asente na defensa coherente e decidida dos principios e os valores progresistas que vertebran o conxunto das democracias avanzadas.

Para nós falar do socialismo galego equivale a defender unha sociedade cunha universal igualdade de oportunidades, independentemente das nosas diferentes orixes sociais; plena liberdade para exercelas, suprimindo todas as barreiras que as impiden ou dificultan; e coa férrea xenerosidade e solidariedade de todo o País cando a oportunidade deriva en dificultade.

O socialismo e o galeguismo son e seguirán sendo referencias ideolóxicas esenciais do PSdeG e das que deben partir as políticas e propostas da nosa acción política.

A defensa dos servizos públicos ten que ser unha prioridade, facendo posible unha sanidade pública que compatibilice a atención sanitaria de calidade cos dereitos de atención ao paciente e apostando por unha educación pública de calidade, nun país no que o ensino sirva para acadar unha sociedade libre, crítica, con sólidos valores democráticos e altas oportunidades de progreso.

Falamos dunha educación pública na que as bolsas favorezan a igualdade de oportunidades e na que o relevante non sexan a vestimenta que leven as nenas e os nenos no centro escolar, senón a calidade da educación que reciben.

Unha Galicia políglota, na que se eduque aos nosos fillos/as en galego e castelán, garantindo o coñecemento e correcto uso de ambas linguas ó rematar o ensino obrigatorio e aberta á incorporación de terceiras linguas. Un País sen divisións entre iguais nin imposicións e onde a nosa cultura sexa unha importante oportunidade de proxección exterior.

Queremos unha sociedade cunha envexable calidade democrática, con regras de xogo claramente definidas na relación dos responsables políticos cos poderes económicos e na regulación transparente das axudas públicas ó mercado da información e da comunicación, onde a reforma dos medios públicos de comunicación sexa unha prioridade política e social.

Conseguilo require dun partido mellor conectado coa sociedade: capaz de incorporar as voces e as vontades progresistas presentes na sociedade civil, e onde a militancia, o maior activo do noso proxecto político, asuma maior protagonismo e impulse o partido co seu traballo, a súa capacidade e a súa ilusión.

Pola gran responsabilidade que o tempo nos depara, para cumprir coas expectativas postas na labor de oposición e para sermos alternativa crible de goberno, necesitamos de experiencia e renovación. Temos que asumir como propias as novas realidades sociais, sumar a achega da valiosa experiencia institucional que o noso partido atesoura e facer efectiva a incorporación das xeracións máis novas.

É a hora de ofrecerlle á sociedade galega un proxecto socialista maioritario e renovado, un proxecto ilusionante, que marque novas metas para transformar a fondo Galicia. É a hora de traballar todos xuntos, unidos, sumando ideas para o socialismo galego!

Que comece o debate!

Galicia, 11 de marzo de 2009

Súmate en sumando ideas.

08/03/09

Día Internacional da Muller



Hoxe conmemórase o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, así que de xeito especial neste día quero recoñecer a gran importancia das mulleres na nosa sociedade. Porque a plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo teñen que ser sempre obxectivos prioritarios de toda a comunidade.

Deste xeito súmome ao expresado no manifesto do PSdeG-PSOE titulado “Traballando o presente, asentando o futuro”, porque froito do esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer.

Debemos seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres. Xuntos temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

02/03/09

O pobo falou

Onte os galegos e galegas decidimos o futuro de Galicia para os próximos catro anos nas eleccións ao Parlamento de Galicia. E a maioría decidiron darlle o seu apoio ao Partido Popular. E como nos recordou Pepe Orozco, Alcalde de Lugo, o pobo nunca se equivoca! Así que aínda que non nos guste o resultado electoral, temos que acatalo. Polo que felicito ao PP pola súa vitoria. E tamén lles agradezo a tódalas persoas que lle deron a súa confianza ao PSdeG-PSOE co seu apoio.

Agora os e as socialistas seguiremos traballando por Galicia e defendendo o seu progreso. Seguiremos preto da cidadanía para atendelos e axudarlles, como vimos facendo dende sempre. E aínda que estea triste porque non ganaramos estas eleccións, teño que dicir que me sinto máis orgulloso de ser socialista e de contribuír a achegarlles as nosas propostas aos cidadáns.

Despois de traballar con moitos compañeiros e compañeiras nesta campaña, quero agradecerlles a todos e todas os momentos que pasamos xuntos e dos que aprendín moito. A todos e todas lles mando todo o meu afecto e anímoos a que sigamos traballando xuntos dende hoxe xa, porque agora temos unha tarefa importante e ilusionante, que é continuar a traballar polo futuro de Galicia.