27/02/12

Plan Director do Río Miño


O Plan Director do Miño é unha folla de ruta para a posta en valor e conservación do entorno natural do río Miño e tamén do río Rato. Trátase dunha iniciativa na que colaboran a Deputación e o Concello de Lugo para dar a coñecer e conservar este entorno natural que temos, que é un dos grandes atractivos que ten Lugo. Levar a cabo a primeira fase deste Plan supón unha inversión de preto dun millón de euros. O Plan inclúe medidas para disfrutar do río como zona de baño ou rutas de sendeirismo.

O Plan Director ofrece aos cidadáns outras positibilidades de ocio como pescar sen barreiras na Illa Seivane. Nas instalacións da antigua potabilizadora crearase un museo dos usos da auga e unha escola de pesca na antiga potabilizadora. Asimesmo, na zona lindeira coas casas da Calzada da Ponte, entre o regato que baixa do Carme e desemboca no Miño e as traseiras da Calzada da Ponte, habilitarase un espazo para os cans, de grandes dimensións para que teñan un lugar seguro no que xogar sen causar molestias.

Sobre estas liñas podedes ver un vídeo coas numerosas e variadas actividades das que podemos disfrutar nun entorno tan cercano como natural. Deste xeito, no río Miño podes:

• Facer Sendeirismo
• Pescar
• Navegar
• Camiñar
• Facer Piragüismo
• Aprender
• Xogar co teu can
• Facer o camiño
• Relaxarte
• Observar as aves
• Facer artesanía
• Dar un paseo nocturno…

A qué estás agardando?

06/02/12

Marea Violeta


A Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo AgrupaLugo adheriuse ao Manifesto do movemento social denominado “Marea Violeta”, que se manifesta en contra dos recortes nas Políticas de Igualdade.

Este movemento persegue manifestar o absoluto rexeitamento a todo retroceso e recorte en materia de Igualdade entre mulleres e homes e esixir o cumprimento de todas as leis que favorecen a Igualdade e os dereitos das mulleres, incluída a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva.

Para AgrupaLugo trátase dunha importante iniciativa para seguir loitando pola igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos, porque froito do esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Así que temos que seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.

Dende AgrupaLugo tamén participaremos na manifestación que terá lugar na Praza Maior de Lugo o próximo 10 de febreiro ás 19:30 horas, porque estamos convencidos de que a plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo teñen que ser sempre obxectivos prioritarios de toda a sociedade.

Con estas medidas búscase denunciar ante a opinión pública os recortes e retrocesos en materia de igualdade entre mulleres e homes, coas graves consecuencias que isto pode ter para o exercicio dos dereitos das mulleres, a prevención da violencia de xénero, etc. Que as administracións públicas, como a Xunta de Galicia, cesen os recortes e retrocesos en materia de igualdade que se están a producir. Conseguir o cumprimento íntegro das leis. Non existe democracia nin xustiza social sen igualdade real entre mulleres e homes.

Dende AgrupaLugo animamos a tódolos veciños e veciñas de Lugo a que asistan á manifestación que se celebrará o 10 de febreiro na Praza Maior.