22/10/09

Tócame facer balance

Despois de que fai un ano os meus compañeiros de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC confiaran en min para ser o Coordinador de IESGA na facultade, tócame facer balance do traballo que fixemos entre todos e todas, porque hoxe tivemos a Asemblea Extraordinaria. Polo que estiven repasando o traballo que fixemos, para darlles conta aos meus compañeiros no informe de xestión. Especialmente quero felicitar ao compañeiro Mario Pais Beiro, porque será o novo Coordinador de IESGA na facultade, despois de que o elixiramos por unanimidade nesta asemblea. E estou moi contento por esta decisión que tomamos, porque sei que Mario traballará e continuará con este gran proxecto.

Tócame despedirme, o que é moi triste para min, despois do tempo que pasamos xuntos, pero estou contento, xa que o proxecto no que traballamos continúa, porque quedan compañeiros que cren nese proxecto. E teño que dicir que o balance que fago é moi positivo e que me sinto moi orgulloso do traballo feito e de pertencer a IESGA e de pensar o que penso. Alégrome moito polo importante traballo levado a cabo pola nosa organización e polos meus compañeiros, aos que quero felicitar dende aquí. Polo que quero recoñecer o traballo feito dende IESGA na facultade, felicitando aos compañeiros polos avances que conseguimos.

Nas eleccións á Xunta de Facultade conseguimos ter 2 representantes. Por parte de IESGA saímos elixidos o meu compañeiro Alejandro Peso e eu. A miña valoración destes resultados acadados por IESGA é moi positiva, porque pasamos de non ter representación na Xunta de Facultade a ter 2 representantes. Na Xunta de Facultade traballamos pola defensa dos intereses dos estudantes e para que as nosas propostas electorais sexan unha realidade. Fixemos rogos e preguntas ao equipo decanal para mellorar a nosa facultade e a calidade da docencia. Velamos polo cumprimento dos dereitos dos estudantes e traballamos para que a voz do alumnado sexa escoitada e tida en conta por parte dos órganos encargados de tomar as decisións na facultade.

Tamén fixemos actividades culturais e formativas na facultade, actividades que permitiron coñecer novos espazos, traballar cuestións máis aló do estritamente académico. Actividades como poñer unha mesa informativa o Día Mundial da Loita contra a SIDA, coa finalidade de informar ao alumnado da importancia da prevención da SIDA. Apostamos polas Novas Tecnoloxías, porque son unha ferramenta que nos axuda a coñecer a opinión dos estudantes e a poder informalos do que lles interesa. Por iso na web de IESGA temos un blog, que ten a función dun espazo máis personalizado para achegar a información.

E aos meus compañeiros de IESGA doulles ánimos para seguir traballando, porque estou seguro que se seguimos traballando como o estamos facendo, cada día faremos realidade as reivindicacións dos dereitos do alumnado. A partir de agora téñenme a súa disposición para o que poida axudar. Así que quero agradecerlles a tódolos compañeiros e compañeiras de IESGA a súa implicación, especialmente quero agradecer o traballo que realizaron, xa que sen o seu esforzo este resultado non sería posible.

15/10/09

Blog Action Day 2009



Hoxe celébrase o Blog Action Day, día no que a blogosfera mundial debatemos simultaneamente sobre un asunto concreto, este ano sobre o cambio climático. Con tal motivo, escribo este comentario no meu blog dende o acto de celebración do PSdeG-PSOE deste evento, que estamos a celebrar nestes intres en Lugo e no que tratamos este tema tan importante, que nos debe de facer reflexionar a todos e todas.

Neste sentido, estoume a acordar dun tema que coñecín mellor durante a miña etapa como Bolseiro de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, como foi o concepto de ‘pegada ecolóxica’, que representa os custes ecolóxicos dun determinado modelo de vida. Grazas aos seminarios organizados polo Plan de Desenvolvemento Sostible nos que puidemos participar, ademais de analizar a pegada ecolóxica, servíronnos para abordar os hábitos de consumo e alimentación, o transporte e a mobilidade ou a débeda ecolóxica.

Neste contexto resulta fundamental estimular a concienciación sobre o medio ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. Entendendo que o cambio climático se está a converter no tema clave da nosa era. Temos que facer realidade as distintas iniciativas, así como os medios para promover unhas economías e estilos de vida sostibles e respectuosos co medio ambiente.

03/10/09

San Froilán 2009

Do 4 ao 12 de outubro Lugo está de festa, porque celebramos as festas do San Froilán. Dende mañá e durante nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos participar nun amplo programa festivo, con actividades para tódolos gustos. Trátase dunhas festas que conxugan a tradición coa modernidade, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Estas festas están organizadas polo Concello de Lugo e permítennos disfrutar de moitas actividades, como asistir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, ver competicións deportivas, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os máis pequenos teñen o San Froilanciño cunha morea de actividades para eles. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a gozar destas festas.

Que o pasemos moi ben e que teñamos unha felices festas!