30/11/10

10 anos como Patrimonio Mundial

Hoxe celebramos o décimo aniversario da proclamación da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial. Foi o 30 de novembro do 2000 cando tivo lugar un dos momentos máis importantes da historia moderna de Lugo: a concesión pola UNESCO do título de Patrimonio Mundial á Muralla Romana de Lugo. Esta distinción marcou un antes e un despois na forma de pensar dos lucenses, na autoestima e o orgullo dunha sociedade que avanzaba cara o século XXI.

Cúmprense 10 anos dese gran día, e queremos recuperar ese espírito de traballo en equipo, solidario e autoesixente, que naceu na cidade de Lugo. Con ese obxectivo naceu Lugo10, que representa a esa cidade dez, que avanza, que se moderniza, pero que mira cara atrás con orgullo. Lugo conta cunha poboación estraordinaria, sobresaínte, de 10, que recibe ao que chega sempre cos brazos abertos.

Lugo ten un potencial extraordinario en materia cultural, artística deportiva, histórica… Trátase dunha cidade bimilenaria que, entre outras cosas, conserva íntegro un monumento defensivo da que foi unha das capitais máis importantes do noroeste peninsular.

Este está sendo o ano de Lugo, o ano dos lucenses, o ano da Muralla, o símbolo cultural que une e reúne a todos e todas.

A nosa Muralla é 10, Lugo é 10!

25/11/10

Contra a violencia de xénero

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero e no que vai de ano, 64 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados pola violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos sofren, na súa contorna e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.

Desde o convencemento de que hoxe máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. As mulleres maltratadas e os seus fillos e fillas teñen que sentir que teñen todo o noso apoio e que toda a sociedade está loitando para que estes malos tratos e estes asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres.

Pero esta tarefa non pode realizarse nun só día, senón que nos 365 días do ano temos que estar xunto a elas, porque nos necesitan e porque non consentimos que sexan maltratadas baixo ningún concepto e menos por ser mulleres. Porque co esforzo e compromiso de todos e todas conseguiremos erradicar a violencia de xénero.

E ademais disto temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Porque tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna, sen malos tratos e a unha igualdade de oportunidades. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando xuntos neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

16/11/10

Con Orozco máis Lugo



A transformación que está a vivir Lugo non sería posible se non tivéramos un Alcalde como o que temos, que ten a mesma ilusión e as mesmas ganas de traballar por Lugo como o primeiro día. Orozco é un político cercano, que está preto da cidadanía e dos seus problemas. Traballa con forza e ilusión por un Lugo igualitario e moderno, na cidade e na zona rural.

Porque temos un Alcalde que é un firme defensor de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso este é un proxecto imparable, no que contamos e participamos todos e todas e do que nos sentimos orgullosos como lucenses.

Con Orozco hai un proxecto de cidade iniciado hai once anos que continúa, porque así o quixemos os lucenses, e que levou á modernización, mellora e cambio deste Concello como nunca se deu no seno do mesmo. E isto é algo evidente, aínda que por moito que o intente a oposición, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns.

Hai importantes obras que están comezadas tanto na zona rural como na zona urbana que responden a ese espírito de modernización e de igualación dos veciños vivan onde vivan. Aínda quedan cousas por facer, como recoñeceu o Alcalde, así que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante.

Con Orozco temos garantía de que Lugo seguirá avanzando, porque cre no seu potencial. Con Orozco teremos máis Lugo.

10/11/10

Ludus Party 2010

A Ludus Party 2010 xa está aquí!!! Celebrarase os días 26, 27 e 28 de novembro no Pavillón Municipal da Casa do Deporte, situado no Complexo Deportivo de Frigsa, na avda. Duquesa de Lugo, s/n. Esta será a cuarta edición da Ludus Party, que está organizada polo Concello de Lugo, en colaboración coa Deputación de Lugo.

Este novo encontro reunirá durante tres días centos de participantes cos seus equipos informáticos procedentes de toda España, co fin de compartir inquedanzas, intercambiar experiencias e realizar infinidade de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar neste evento tecnolóxico. As inscricións poden facerse a través da páxina web da Ludus Party 2010. Haberá un total de 250 entradas, que terán un prezo de 25 euros. Os menores de idade deberán ter a correspondente autorización.

Como en anteriores edicións, haberá un espazo destinado ao público en xeral, que contará con varios equipos informáticos e con monitores que lles axudarán a achegarse ás novas tecnoloxías e a descubrir a gran cantidade de vantaxes que ofrecen. Ademais as persoas asistentes poderán optar a conseguir varios agasallos.

Este espazo estará na @ da Deputación, que é unha aula pioneira itinerante de formación de 230 metros cadrados, cor vermella e forma de @. A carpa formativa da @ é un espazo formativo-lúdico de acceso libre no que os participantes somerxeranse na administración electrónica e novas tecnoloxías mediante obradoiros, xogos, sorteos, agasallos e mesmo simuladores de última xeración.

Polo que vos animo a participar na Ludus Party, ou a visitar a carpa da @.

This is the Ludus!!!

04/11/10

Un cemiterio de interese histórico

O Cemiterio Municipal de Lugo, chamado Cemiterio de San Froilán, foi inaugurado en 1948. A obra, dirixida por Ruperto Sánchez, fíxose seguindo as liñas xerais do proxecto de Eloi Maquieira, un dos principais representantes da arquitectura racionalista en Galicia. Posteriormente foron trasladados aquí algúns panteóns e monumentos funerarios procedentes do antigo que data de 1858.

Nestes panteóns domina o estilo historicista que impuxera en Lugo o arquitecto Nemesio Cobreros. É tamén moi notable a cruz dedicada aos soldados das guerras de Cuba e Filipinas. Nos últimos anos realizáronse importantes obras, entre as que destaca o Xardín das Lembranzas. Milleiros de mortos xacen neste cemiterio, entre eles persoeiros ilustres que forma parte da memoria da cidade. Entre os persoeiros ilustres que descansan nel figuran Xoán Montes, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Uxío Novoneyra.

Neste ano o Concello de Lugo deu un paso moi importante de cara á integración do cemiterio na vida social da cidade, coa organización de visitas históricas, buscando unha dimensión distinta do recinto que se proxecta á cidadanía como un lugar de repouso, de paz, de encontro persoal onde podemos descubrindo os seus recunchos a medida na que accedemos ao noso mundo interior.

Por todo isto recoméndovos que participedes nesta interesante iniciativa da Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo e que descubrades a historia do Cemiterio Municipal de San Froilán. E quero rematar poñendo a continuación este fermoso poema, que podemos ler neste Cemiterio:

Podes chorar porque se foi,
ou podes sorrir porque viviu.

Podes pechar os ollos e rezar para que volva,
ou podes abrilos e ver todo o que deixou.

O teu corazón pode sentirse baleiro porque non a podes ver,
ou pode estar cheo do amor que compartistes.

Podes chorar, pechar a mente,
sentir o baleiro e virarlle as costas,
ou podes facer o que a ela lle gustaría:
sorrir, abrir os ollos, amar e seguir.

Anónimo