25/11/10

Contra a violencia de xénero

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero e no que vai de ano, 64 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados pola violencia machista. E calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos sofren, na súa contorna e con gran intensidade, a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.

Desde o convencemento de que hoxe máis que nunca é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. As mulleres maltratadas e os seus fillos e fillas teñen que sentir que teñen todo o noso apoio e que toda a sociedade está loitando para que estes malos tratos e estes asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres.

Pero esta tarefa non pode realizarse nun só día, senón que nos 365 días do ano temos que estar xunto a elas, porque nos necesitan e porque non consentimos que sexan maltratadas baixo ningún concepto e menos por ser mulleres. Porque co esforzo e compromiso de todos e todas conseguiremos erradicar a violencia de xénero.

E ademais disto temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Porque tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna, sen malos tratos e a unha igualdade de oportunidades. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando xuntos neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.