25/06/10

Arde Lvcvs

O Arde Lucus MMX deu comezo oficialmente hoxe venres coa inauguración do Macellum -mercado- e do campamento dos forxadores ás cinco da tarde. Comezaron así os tres días de festa nos que se recreará o pasado romano da cidade de Lugo. Deste xeito do 25 ao 27 de xuño Lucus Augusti arderá de novo.

Moitas actividades, actuacións e espectáculos conforman o programa desta nova edición da festa Arde Lucus, que se celebrará desde este venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada polo Concello de Lugo.

Dende este momento a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderemos disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana. E como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo, porque o pasaredes moi ben.

16/06/10

Festas de Tirimol 2010

Os días 19, 20, 23 e 24 de xuño celebraránse as Festas Patronais de San Xoán de Tirimol. Este ano temos un programa moi completo, que conta con pasarrúas pola parroquia a cargo do Grupo Devandoira os días 19 e 20 ou a actuación do Orfeón Xoán Montes na Misa Solemne o día 20, entre outras moitas actividades. A festa faise na Pista Polideportiva, que se usa como Campo da Festa e que está ao lado do Centro Social de Tirimol.

A Comisión de Festas quixo que o programa de festas fose variado, para que houbera actuacións para tódolos gustos. Porque desta maneira tódolos veciños e todos aqueles que nos visiten durante estes días poderán gozar destas festas. Ademais estades todos convidados a vir ás Festas de Tirimol, porque seguro que o pasaredes moi ben e vos divertiredes moito, porque a diversión está asegurada.

Deséxovos a tódolos meus veciños e a todos os que nos visitedes estes días que pasedes unhas BOAS FESTAS!


PROGRAMA:
Sábado, 19 de xuño:
Pasarrúas pola mañá a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne e procesión ás 13:00 horas
Ás 14:15 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra ODEON
Ás 23:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra ODEON
Ás 00:30 horas actuación de SABELA

Domingo, 20 de xuño:
Pasarrúas pola mañá a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne cantada polo Orfeón XOÁN MONTES e procesión ás 13:00 horas
Ás 14:15 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra STEREO SHOW
Ás 21:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra STEREO SHOW
Ás 22:30 horas actuación do Mago LAMAS

Mércores, 23 de xuño:
Ás 21:00 horas Gran Churrascada e actuación da Orquestra RÍA DE BETANZOS
Ás 22:30 horas queima da Fogueira do Lume Novo

Xoves, 24 de xuño: DÍA DO PATRÓN
Misa Solemne e procesión ás 12:00 horas
Ás 21:00 horas actuación da Orquestra ESCAPARATE
Ás 22:30 horas sorteo dun año


Haberá fogos de artificio e competicións deportivas.

12/06/10

25 anos en Europa

Hoxe España e Portugal celebran o XXV aniversario da súa entrada na Comunidade Económica Europea, celebración que ademais coincide coa Presidencia Española da Unión Europea. E durante estes últimos vinte e cinco anos Europa foi clave na transformación que España e Portugal experimentaron, non só polos recursos económicos que os dous países recibiron, senón sobre todo polo impacto modernizador que a pertenza a Europa tivo nas súas sociedades. A participación no proxecto europeo contribuíu a acelerar o cambio de mentalidade e das estruturas políticas, económicas e sociais tanto de Portugal coma de España.

A Unión Europea conta con 27 Estados membros que forman unha comunidade e un mercado interior de 493 millóns de cidadáns. Con todo, as disparidades económicas e sociais entre estes Estados e as súas 271 rexións son, o mesmo tempo, moi importantes. Unha de cada catro rexións teñen un PIB (produto interior bruto) por habitante inferior ó 75% da media da Unión Europea dos 27.

A política rexional da Unión Europea favorece a redución das diferenzas estruturais entre as rexións da Unión, o desenvolvemento equilibrado do territorio comunitario e unha verdadeira igualdade de oportunidades entre as persoas mediante a transferencia de recursos das rexións máis ricas ás máis pobres. É un instrumento de solidariedade financeira e unha poderosa ferramenta de integración económica.

Por iso no actual contexto económico tanto o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, como as demais personalidades que participaron nos actos conmemorativos da entrada de España e Portugal nas Comunidades Europeas, nos seus discursos fixeron un chamamento a responder á actual crise e aos desafíos do mundo globalizado reforzando aínda máis a Europa.