12/06/10

25 anos en Europa

Hoxe España e Portugal celebran o XXV aniversario da súa entrada na Comunidade Económica Europea, celebración que ademais coincide coa Presidencia Española da Unión Europea. E durante estes últimos vinte e cinco anos Europa foi clave na transformación que España e Portugal experimentaron, non só polos recursos económicos que os dous países recibiron, senón sobre todo polo impacto modernizador que a pertenza a Europa tivo nas súas sociedades. A participación no proxecto europeo contribuíu a acelerar o cambio de mentalidade e das estruturas políticas, económicas e sociais tanto de Portugal coma de España.

A Unión Europea conta con 27 Estados membros que forman unha comunidade e un mercado interior de 493 millóns de cidadáns. Con todo, as disparidades económicas e sociais entre estes Estados e as súas 271 rexións son, o mesmo tempo, moi importantes. Unha de cada catro rexións teñen un PIB (produto interior bruto) por habitante inferior ó 75% da media da Unión Europea dos 27.

A política rexional da Unión Europea favorece a redución das diferenzas estruturais entre as rexións da Unión, o desenvolvemento equilibrado do territorio comunitario e unha verdadeira igualdade de oportunidades entre as persoas mediante a transferencia de recursos das rexións máis ricas ás máis pobres. É un instrumento de solidariedade financeira e unha poderosa ferramenta de integración económica.

Por iso no actual contexto económico tanto o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, como as demais personalidades que participaron nos actos conmemorativos da entrada de España e Portugal nas Comunidades Europeas, nos seus discursos fixeron un chamamento a responder á actual crise e aos desafíos do mundo globalizado reforzando aínda máis a Europa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.