23/12/12

Boas Festas e Feliz 2013


Para ampliar a postal hai que premer na imaxe.

Con esta postal quero desexarvos a todos e todas unhas Boas Festas e un Feliz 2013, agardando que este ano novo veña cargado de ilusión, felicidade e prosperidade. A imaxe da postal é da Pasarela Peonil sobre o Río Miño no barrio de San Lázaro en Lugo.

Un ano máis dende o meu blog escribo para compartir con vos as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a vosa opinión como lectores. E agardo que no 2013 sigades visitando e participando neste blog.

Eu volverei a estar con vos no meu blog con todas as forzas e a ilusión no ano novo despois destas festas, pero mentres recórdovos que tamén seguimos en contacto a través das redes sociais. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!


P.D.: Quero expresar as miñas condolencias polo falecemento hoxe do político Ceferino Díaz, que traballou e loitou polo socialismo e o galeguismo, contribuíndo á democracia, ó Estado do Benestar e ó Autogoberno en Galicia.

20/12/12

Necesitamos Hemodinámica en Lugo


Dende a Agrupación de Asociación de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) criticamos que Lugo aínda sexa a única provincia galega que non teña en funcionamento unha unidade de Hemodinámica, porque dende que se inaugurou o Hospital Universitario Lucus Augusti segue pechada a ubicación destinada para esta unidade.

Ademais no momento en que se inaugurou o HULA explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria, pero isto a AgrupaLugo parécelle un engano, mentres se continúe sen prestar un servizo imprescindible como o de Hemodinámica.

Dende AgrupaLugo parécennos moi alarmantes os datos que deron a coñecer os especialistas nesta materia, indicando que a mortalidade de pacientes con infarto de miocardio en Lugo dobra a de áreas como a da Coruña, Santiago ou Vigo pola ausencia de sala de Hemodinámica.

Nestes momentos a mortalidade nos pacientes con infartos de miocardio está a ser moito máis alta na provincia de Lugo, porque hai que trasladar aos pacientes, o que retrasa moito o tempo para atender este tipo de problemas médicos.

Ademais destacamos que segundo os datos facilitados o SERGAS está gastando máis de medio millón de euros ao ano nos traslados dos pacientes ao Hospital da Coruña. Mentres que poñer en marcha a unidade de Hemodinámica do HULA custaría sobre uns 150.000 euros, o que supón un aforro considerable e evitar traslados que poñen nun en risco a vida dos pacientes.

Polo tanto, se o SERGAS quere ser austero, a mellor opción é poñer en marcha a Unidade de Hemodinámica no HULA, porque se aforraría unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo solicitaráselle por escrito ao Presidente da Xunta de Galicia e á Conselleira de Sanidade a apertura da Unidade de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Para máis información podedes escoitar a entrevista que me fixeron no programa "Hoy por Hoy Lugo" de Radio Lugo - Cadena Ser sobre este asunto e outros temas de actualidade.

05/12/12

Museo Interactivo da Historia de Lugo


O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) xa abriu as súas portas. Este edificio, situado no Parque de Frigsa, recibiu numerosos recoñecementos internacionais pola súa singularidade arquitectónica. O MIHL configúrase como un proxecto moi innovador tanto na súa arquitectura como na súa instalación museográfica. A cuberta do edificio é, en realidade, un gran xardín arborado de 11.300 metros cadrados, no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. O conxunto arquitectónico subterráneo está formado por cilindros de máis de 8 metros de altura.

A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, é a dun parque-museo, é dicir, un edificio que xorde da relación coa paisaxe. En realidade gran parte do edificio queda semisoterrado baixo un amplo xardín que se vincula ao próximo Parque de Frigsa. Uns grandes cilíndricos emerxen transmitindo a imaxe do novo museo á cidade de Lugo. Exteriormente están revestidos dunha celosía metálica de aceiro corten que se iluminará na noite. No interior, os materiais varían segundo as distintas áreas, e adáptanse ás condicións dun museo interactivo (materiais absorbentes, madeiras, revocos, solados de formigón, chans técnicos, etc.).


En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, ademais de cafetería, tenda, administración, etc. É de destacar que o sistema enerxético do edificio farase por medio de caldeiras de biomasa, o que evita o emprego de enerxías non renovables e favorece a súa sostenibilidade.

O Concello de Lugo quere que a exposición de Arte Contemporánea, coa que o MIHL comezou a súa andadura, sexa a máis importante das que se realizan en Galicia neste ano. Trátase dunha exposición colectiva dos principais artistas contemporáneos galegos que acollerá obras cedidas e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Murado ou Paco Leiro. A mostra leva por título “A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos” e nela son os propios artistas os que escollen unha obra súa, representativa da súa traxectoria, para esta exposición, convertida así nunha antoloxía da Arte Contemporánea galega.

O MIHL está aberto de martes a domingo de 17:00 a 21:00 horas e se aínda non o vistes, recoméndovos que o visitedes, porque seguro que vos gustará.

29/11/12

Gandeiros en loita


Quero trasladarlles todo o meu apoio ós gandeiros galegos nestes duros momentos, nos que están a loitar polo futuro dun sector que tanto peso ten en Galicia e que demandan medidas urxentes para poder repoñerse da dura situación que están a vivir. Tamén quero amosar o meu apoio ás súas reivindicacións, expresando a miña solidariedade con eles e demandando que se adopten todas as medidas que puideran ser precisas para darlle unha solución inmediata e urxente a este conflito que está deixando na ruína e desamparados economicamente a moitos cidadáns.

A día de hoxe as explotacións lácteas carecen dunha marxe económica de beneficios e a súa quebra supón a desaparición do tecido económico e de máis de 65.000 empregos vencellados ao sector. Trátase dun problema político, non económico, para o cal hai que demandar solucións a curto prazo e un plan de viabilidade a medio e longo prazo. Ao mesmo tempo, hai que esixirlle á industria e á distribución que traten por igual aos gandeiros galegos que aos do resto de España.

Cada minuto que pasa o Presidente da Xunta é responsable das perdas e do colapso total da gandería galega. Feijóo tamén é responsable de que os gandeiros galegos tiren 2 millóns de euros diarios en leite por non defender a este sector que é tan importante no noso país.

25/11/12

Contra a violencia de xénero


Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional contra a violencia de xénero. No que vai de ano 43 mulleres xa foron asasinadas, por iso estou convencido de que hoxe máis que nunca segue sendo necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres para loitar contra esta violencia. As mulleres maltratadas e os seus fillos e fillas teñen que sentir que teñen todo o noso apoio e que toda a sociedade está loitando para que os malos tratos e os asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres.

Pero esta tarefa non pode realizarse nun só día, senón que nos 365 días do ano temos que estar xunto a elas, porque nos necesitan e porque non consentimos que sexan maltratadas baixo ningún concepto e menos por ser mulleres. Porque co esforzo e compromiso de todos e todas conseguiremos erradicar a violencia de xénero.

E ademais disto temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Porque tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna, sen malos tratos e a unha igualdade de oportunidades. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando xuntos neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

15/11/12

Dous mil tweets publicados

Con este post que escribo no meu blog e que se enlazará nos meus perfiles das redes sociais, publicarase automaticamente o meu tweet número 2.000. Deste xeito, quero celebrar que vou alcanzar os dous mil tweets publicados en Twitter, escribindo e publicando este post neste espazo persoal.  Porque ademais de escribir no meu blog para comunicarme contigo, tamén o fago utilizando as redes sociais, porque me permiten compartir contigo as miñas vivencias e opinións, ademais de coñecer as túas. Así que anímote a que visites estas canles e a que participes nelas.

Como xas vos teño dito, considero que as Tecnoloxías da Información e da Comunicación son unha ferramenta moi útil nas nosas vidas e constitúen un eido de coñecemento imprescindible para a igualdade de oportunidades, polo que debemos traballar para superar a fenda dixital e facilitar o seu acceso a toda a cidadanía.

Por iso neste blog e nos meus perfiles nas redes sociais comparto con vós as miñas vivencias e as miñas opinións sobre distintos temas. Pretendendo que estes espazos persoais sexan unha fiestra aberta ao mundo, coa que poder compartir as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a opinión dos lectores.

Ademais nestes momentos difíciles que estamos a vivir seguirei defendendo no meu blog e nas redes sociais, aínda con máis intensidade, o Estado do Benestar e seguirei opoñéndome a calquera tipo de recortes en dereitos adquiridos pola cidadanía e que tanto nos constaron conseguir a todos e todas, como son os dereitos en educación, sanidade e servizos sociais.

Seguirei escribindo neste blog e nas redes sociais con todas as forzas e a ilusión, como o primeiro día que comecei. Dende aquel día moitos acontecementos pasaron, algúns dos cales fun compartindo con vós nestes espazos. De seguro que nos esperan moitos acontecementos que vivir e quédame moito máis para compartir con vós no meu blog e nas redes sociais.

Podes atoparme nas seguintes redes sociais:
              

24/10/12

VII Feira do Outono


O 28 de outubro no Campo da Festa de Coeses terá lugar a VII Feira do Outono, con venta e exposición de todo tipo de mercadorías, desde productos da terra a artesanía en madeira ou ferro. Esta feira está organizada pola Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal "O Castro" de Coeses. Co obxectivo de dar a coñecer os produtos lucenses e promocionar o seu consumo dentro e fóra do municipio de Lugo, realízase a Feira de Outono, para potenciar a economía lucense e especialmente para dinamizar a zona rural, promocionando os seus produtos e servizos.

O municipio de Lugo, polo especial da súa xeografía, da súa historia e dos costumes das súas xentes, desenvolveu unha serie de produtos e servizos propios e moi coñecidos, baseados na cultura e os froitos da terra. Contamos con calidade, variedade, singularidade e marca nos nosos produtos e servizos, que destacan en sectores como son a alimentación, a artesanía, a moda, o ocio, etc. O que nos permite ver que a riqueza de Lugo é incalculable.

Como Presidente de AgrupaLugo podo indicar que para a entidade que represento trátase dunha importante iniciativa para o desenvolvemento económico do rural. Por iso, dende AgrupaLugo queremos apoiar firmemente iniciativas deste tipo, porque para a nosa Agrupación iniciativas como esta son unha boa mostra do traballo que estamos a realizar polo desenvolvemento da zona rural.

Anímovos a que este domingo vos pasedes por Coeses, para celebrar un día de Feira e coñecer interesantes produtos e servizos!

09/10/12

100 razóns para o cambio



100 galegos e galegas expresan os seus desexos que recolle Pachi Vázquez neste vídeo do PSdeG co gallo das eleccións do 21 de outubro. Son 100 razóns para o cambio en Galicia, porque o PSdeG está preparado para espertar ao país. Gobernar pasa por enfrontarse á realidade, e iso é algo que hai anos que o PSdeG sabe facer. Non promete milagres. Nin sequera optimismos de moitas cores. Hai que traballar coa crúa realidade. E ter claro que non se supera a crise se non saímos todos xuntos.

A realidade é a xente. No proxecto que ten o PSdeG de cambio só importa a xente. Nin os bancos. Nin a prima de risco. Nin as amnistías aos defraudadores fiscais. Só importa a xente. Non algunha xente. Toda a xente. O noso proxecto reivindica o público, o que é de todos e todas, como parte da nosa identidade e único camiño para saír dunha crise na que nos afundiron os intereses privados. O eixo do cambio será o público. O público non só é pagar para obter servizos de calidade. Tamén é contribuír a vivir nunha Galicia baseada na igualdade de oportunidades, na que ninguén fique apartado.

Nun escenario de crise total, sempre haberá ámbitos que nunca estean en crise. A igualdade, a solidariedade, a distribución equitativa de bens e oportunidades, non poden estar en crise, na mesma medida que non o poden estar a cor vermella, o ángulo de 360 grados ou a simpatía. Son valores socialistas, e hoxe cómpre máis que nunca aferrarse a eles.

O modo de estar coa xente a través do exercicio dos valores da solidariedade ou igualdade, é a ferramenta máis potente para chegar ás persoas, e a garantía de que unha organización como a do PSdeG será a opción máis fiable para os galegos o 21 de outubro. Na medida que asumamos isto e, ao mesmo tempo entendamos que os proxectos políticos non son globais senón que teñen que adaptarse aos lugares, tamén o PSdeG acabará por converterse na verdadeira esperanza do pobo galego.

A política ten que regresar á persoa. Dende o punto de vista económico, é preciso que as novas xeracións herden máis activos que pasivos. Necesitamos que no futuro existan máis oportunidades que no presente. Iso requirirá un cambio. E o PSdeG é o único capaz de liderar o cambio posible.

É o momento, Galicia decide. O 21 de outubro vota PSdeG.

27/09/12

Incumprimentos con Lugo

Máis aló dos continuos e innumerables desprezos e indiferencia da Xunta de Feijóo con toda a provincia de Lugo, a cidade é, sen dúbida, a capital de provincia máis maltratada polo Goberno galego do PP, con infraestruturas abandoadas, promesas incumpridas e falta de apoio en servizos que deben ser básicos. Sen afondar nas cifras xa coñecidas do paro, a eliminación de servizos sociais e as consecuencias das medidas e recortes contra os que máis o necesitan, estas son algunhas das promesas incumpridas no referido ás infraestruturas.

1. HOSPITAL DE LUGO: A Xunta non cumpriu co seu compromiso de dotar o Hospital de Lugo de servizos básicos como a radioterapia ou a hemodinámica (infartos). Non hai dereito a que unha persoa con cancro teña que viaxar ata a Coruña para ser atendido de madrugada en condicións penosas.

2. ESCOLAS: A Xunta negouse a facer unha nova escola no centro, a pesar das queixas dos pais e da saturación do Quiroga Ballesteros. A aportación da Xunta ás escolas infantís é ridícula, a futura escola vaina construír a Fundación Paideia nun solar que cederá o Concello.

3. NOVO AUDITORIO: Lugo é A ÚNICA das grandes cidades de Galicia que non conta cun auditorio digno, xa que a Xunta mantén as obras bloqueadas, iso si, con grúas para que pareza que avanza.

4. MUSEO DA ROMANIZACIÓN NO CUARTEL DE SAN FERNANDO: un BIC totalmente abandoado, en ruínas e valado porque caen trozos á rúa.



5. MURALLA DE LUGO: Patrimonio da Humanidade e potencial turístico, cuxo estado de abandono chega ata tal punto que mesmo o Alcalde tivo que ameazar coa creación de patrullas cidadáns que se encargaran de facer o que a Xunta non fai. Outro exemplo do estado de abandono é a falla de iluminación no adarve, debido a que as máis de 300 luminarias que levan máis de dous anos rotas e sen que a Xunta se moleste en substituílas, o que impide camiñar pola Muralla tras a posta do sol.

6. RONDA LESTE: Paralizada a vía que comunica o hospital máis importante da provincia coa cidade.

7. PLAN PARADAI: Total incumprimento do convenio asinado. A Xunta ten paralizadas as fases que lle corresponden.

O 21 de outubro nas eleccións ao Parlamento de Galicia temos que dicirlle a Feijóo que non esquecemos os continuos incumprimentos e desprezos do seu goberno coa cidade de Lugo.

18/09/12

Cole sen recortes



Este ano tivemos a volta ao cole máis cara, máis inxusta e máis caótica da nosa historia recente. Máis cara porque subiu o IVE escolar e quitaron axudas. Máis inxusta porque miles de familias non accederán en igualdade de condicións polos recortes. E máis caótica pola falta de previsión dun goberno ausente na planificación e na coordinación.

A educación deixou de ser o primeiro instrumento para avanzar cara á igualdade. O PP estao a converter no primeiro chanzo da discriminación. Nenos esperando autobuses escolares que non chegan. Comedores baleiros pola supresión de bolsas. Centenares de escolas pechadas. Decenas de miles de profesores menos. 5.000 millóns menos neste ano.

Temos que recordar que o primeiro que fixo Feijóo ao chegar ao goberno da Xunta de Galicia foi suprimir os libros de texto gratuítos para todos os nenos e nenas. Pasamos de ser a comunidade autónoma co mellor sistema de gratuidade, a ser a comunidade na que menos se subvencionan os libros de texto e somos unhas das comunidades coas rendas medias máis baixas de España.

A educación é moito máis que unha política pública encamiñada á capacitación persoal das diversas xeracións, é tamén unha política que impulsa a igualdade de oportunidades e a competitividade dunha economía moderna. E, como síntese de todo iso a política educativa se presenta como imprescindible, non só para a saída da crise, senón para que esta saída sexa xusta e, mesmo, para evitar ou paliar os efectos das vindeiras.

Por iso dicimos que queremos unha volta ao cole sen recortes.


P.D.: Quero expresar as miñas condolencias polo falecemento hoxe do político Santiago Carrillo, un piar esencial da democracia en España, polo importante labor que desempeñou durante a Transición e polo que sempre o recordaremos.

23/08/12

Dereito a curar



Este é un vídeo da campaña "Derecho a curar", realizada por Médicos del Mundo para sumar adhesións de profesionais sanitarios á obxección de conciencia contra a exclusión sanitaria das persoas inmigrantes en situación irregular. Poñen en marcha unha acción de mobilización cidadá contra un decreto que deixa ás persoas sen permiso de residencia sen acceso ao sistema sanitario público a partir do 1 de setembro.

Para iso, elaboraron diferentes materiais como cartelería, vídeos virais, adhesivos e insignias para redes sociais. Ademais, a campaña conta xa co apoio de sociedades médicas, asociacións profesionais e ONG. A campaña online, www.derechoacurar.org, tamén solicita apoios da cidadanía á obxección sanitaria contra o Real Decreto Lei 16/2012.

Ademais, a iniciativa tamén busca sensibilizar e mobilizar a cidadanía en apoio da profesión médica e a favor do dereito á saúde. A web inclúe para iso diversos materiais como unha carta modelo que calquera cidadán pode dirixir ao seu médico para solicitalo que obxecte contra a exclusión das persoas inmigrantes.

Así mesmo, dende a propia web pódese subscribir unha carta dirixida á ministra de Sanidade manifestándolle o seu rexeitamento á exclusión das persoas sen permiso de residencia da atención sanitaria e difundir un manifesto contrario á reforma sanitaria e a exclusión.

Defendamos os dereitos daqueles que máis o necesitan sumándonos a esta iniciativa e difundindo esta campaña. Ademais en Twitter tamén podemos unir as nosas voces contra a reforma sanitaria co hashtag #derechoacurar.

09/08/12

Loita contra os abusos


O Goberno do PP ataca a democracia e a liberdade de expresión intentando ilegalizar a FACUA, por realizar unha campaña denominada "Lucha contra los abusos", na que critica os recortes na sanidade e na educación pública.

Nunha chantaxe sen precedentes na historia da democracia, a Secretaria Xeral de Sanidade e Consumo, Pilar Farjas, a través dunha carta empraza FACUA a que no prazo de 15 días hábiles paralice todas as súas accións, reivindicacións e campañas contra os recortes na sanidade e a educación pública e elimine todo rastro destas na súa web.

Isto é un ataque directo contra a liberdade de expresión, un intento de censura e un exercicio de autoritarismo que só pode interpretarse como un grave atentado contra a democracia. Polo que se chegaran a ilegalizar a FACUA, pedirán o amparo xudicial, porque consideran que non existe absolutamente ningunha base legal para o que queren facerlles.

Ademais dende que este sábado pola tarde fixera pública a ameaza de ilegalización, FACUA foi trending topic en Twitter. Nese momento, #yosoyFACUA foi tendencia nesta rede social. E como xa fixen a través das redes sociais, tamén quero mostrarlle todo o meu apoio a FACUA no meu blog e compartir dous dos vídeos desta campaña, que tanto lle molesta ao PP e que quere paralizar.

E tamén paréceme moi interesante e acertado o lema desta campaña, que di o seguinte: "Se nos queixamos solos as empresas ignórannos e os gobernos non actúan. Unidos os consumidores temos forza para defender os nosos dereitos. É hora de entrar en acción. Loita contra os abusos, únete a FACUA, a forza dos consumidores en acción".



30/07/12

Unha estafa masiva


Este vídeo resume moi ben os sete meses de mentiras, contradicións e erros nos sete meses do Goberno de Rajoy, que podemos definir como unha estafa masiva.

Os 7 meses do Goberno presidido por Mariano Rajoy encerran con seguridade o período máis crítico vivido pola economía española nas últimas décadas. Os importantes problemas da económica española dende 2008, como consecuencia da crise financeira global e a súa agudización, no noso caso, polo estalido da burbulla inmobiliaria, lonxe de atenuarse agraváronse en progresión xeométrica a causa da desconfianza que a actuación do Goberno do PP sementou nas institucións económicas e nos mercados internacionais.

O Goberno acumulou erros, contradicións e indecisións moi considerables dende o seu mesmo arranque e o prezo a pagar por todos foi o de a desconfianza xeneralizada en torno á súa capacidade e á propia solidez da nosa economía. Unha tan inédita como súbita perda de credibilidade do Executivo que afectou de cheo á economía española cuxo máximo expoñente foi o espectacular incremento da prima de risco, que pasou dos 347 puntos no traspaso de poderes a 649 neste mes de xullo, e unha caída do valor da Bolsa ata niveis do ano 2003 en pouco máis dun semestre.

O Goberno e o PP culpan ao PSOE, aos sindicatos, á herdanza, aos traballadores... A todos, a excepción deles mesmos. Cunha ausencia de liderado tan evidente como preocupante e facendo gala de unha falta de previsión sorprendente nos que afirmaban enfaticamente dende a oposición ter un plan, agora xa se enfrontan aos resultados da súa propia xestión; á pegada dos seus propios erros.

18/07/12

Contra os recortes do PP


Os recortes anunciados por Rajoy no Congreso son unha agresión ás persoas en paro, aos empregados públicos, á economía e á democracia. Unha espiral de recortes e agresións que presentou un día despois de reunirse cos principais empresarios e banqueiros do país, e tras rescates millonarios ás entidades financeiras.

O Goberno do PP volve cargar contra os empregados públicos; persoas en paro ás que recortan prestacións xusto cando máis as necesitan, o que pode supor maiores bolsas de pobreza e exclusión social; aos pensionistas para os que garda inminentes recortes que levará ao Pacto de Toledo; e novos ataques á dependencia.

A combinación destes recortes coa subida do IVE poñen en risco a evolución do consumo e a propia reactivación da economía. Aínda por riba, o presidente do Goberno confirma o desmantelamento das empresas públicas, unha nova revisión das tarifas enerxéticas, e anuncia axustes inmediatos no sistema público de pensións.

Estas medidas veñen sumarse a unha reforma laboral que vulnera o acordo de negociación colectiva, recorta dereitos e facilita aínda máis o despedimento, incrementando as cifras de paro. Rajoy di facelo para incentivar a actividade económica, a única capaz de xerar emprego; pero esta segue estancada e a recesión máis forte que nunca.

Por iso, anímovos a que asistades ás manifestacións convocadas para este xoves 19 de xullo. En Lugo a manifestación comezará ás 20:00 horas diante da Casa Sindical na Ronda da Muralla.

04/07/12

A seguridade no rural


Dende AgrupaLugo alertamos recentemente do aumento de estafas por parte de supostos revisores do gas na zona rural de Lugo, como podedes ver nesta noticia que emitiu a Televisión de Galicia. Ademais cada día as asociacións e os veciños nos informan de máis casos de roubos no rural. Unhas situacións que están a crear unha percepción de inseguridade entre os veciños.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo reunímonos esta semana co Subdelegado do Goberno en Lugo e solicitámoslle máis presenza da Policía Nacional na zona rural para reducir os delitos que se están producindo, como medida disuasoria de roubos e para aumentar a sensación de seguridade cidadá.

Así mesmo, AgrupaLugo e as asociacións veciñais que forman parte da nosa federación reiteramos a nosa disposición para colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, contribuíndo a mellorar a seguridade cidadá en Lugo. Por exemplo, seguiremos colaborando na organización de máis charlas sobre seguridade cidadá e formas de evitar roubos e estafas no rural, que son impartidas por axentes da Policía Nacional nos locais das asociacións.

Tamén animamos a tódolos veciños do rural a que colaboren coa Policía Nacional, chamando ao teléfono 091 cando vexan situacións ou persoas sospeitosas.

25/06/12

O Lugo xa é de Segunda!


Dende o meu blog quero darlle a noraboa ao Club Deportivo Lugo polo seu sufrido e merecido ascenso a Segunda División. Os xogadores e a directiva do clube fixeron posible unha tempada para lembrar.

Tamén a afición soubo arroupar ao equipo ao longo dunha tempada tan longa e difícil como esta, insuflando forza e ánimo cando o equipo máis o necesitaba. E isto pódese ver ben neste vídeo, que reflexa o sentimento e o apoio da afición.

Súmome á celebración deste importante logro deportivo e para o conxunto de Lugo.

Forza Lugo!

15/06/12

Festas de Tirimol 2012


Un ano máis na parroquia de Tirimol celebramos as Festas Patronais de San Xoán, e dende o meu blog quero invitar a todos os veciños e ás persoas que nos visiten a que disfrutedes delas e pasedes uns días de ledicia cos vosos amigos e familiares.

Este ano temos un programa moi completo e variado, que conta con verbenas, unha paella veciñal, pasarrúas pola parroquia, partidos de fútbol, entre outras moitas actividades.

A Comisión de Festas agradece moi especialmente a todos os veciños e comerciantes o gran esforzo que fixeron colaborando para que as festas poidan seguir celebrándose. Tamén agradece ao Concello de Lugo a súa colaboración.

Deséxovos a tódolos meus veciños e a todos os que nos visitedes estes días que pasedes unhas FELICES FESTAS!


PROGRAMA:

Venres, 22 de xuño:
Ás 21:30 horas Gran Paella Veciñal no Campo da Festa
Ás 23:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra MADEIRA

Sábado, 23 de xuño:
Ás 13:00 horas Misa Solemne e procesión na Igrexa Parroquial
Ás 14:00 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra da TELEVISIÓN
Ás 17:30 horas Partido entre nenos no Campo de Fútbol
Ás 22:30 horas Queima da Gran Fogueira de San Xoán
Ás 23:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra da TELEVISIÓN
Ás 00:30 horas Sesión de fogos de artificio

Domingo, 24 de xuño: DÍA DO PATRÓN
Ás 10:30 horas Pasarrúas pola parroquia a cargo dun grupo de gaitas
Ás 13:00 horas Misa Solemne e procesión na Igrexa Parroquial
Ás 14:00 horas Sesión Vermú amenizada polo Dúo CAMELIA
Ás 17:30 horas Partido entre solteiros e casados no Campo de Fútbol
Ás 22:00 horas Verbena amenizada polo Dúo CAMELIA
Ás 23:30 horas Entrega de trofeos das competicións deportivas
Ás 23:35 horas Sorteo dunha bicicleta holandesa e dun xamón serrano

11/06/12

Arde Lucus MMXII


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentaron o programa do Arde Lucus 2012, festa que acada este ano a súa undécima edición co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego e que se desenvolverá dende o 22 ao 24 de xuño.

Este ano o Arde Lucus comezou sendo diferente xa que se ampliaron o número de actividades previas. Neste Arde Lucus hai máis de 150 actividades, delas máis de 40 son novas con respecto ás edicións anteriores aínda que se seguen mantendo as clásicas. Como en anos anteriores haberá o Macellum, onde se poderán mercar produtos típicos, espectáculos de teatro pola rúa, as vodas e bautizos polo rito celta e romano, desfiles de tropas, as bacanais ou as loitas entre romanos e castrexos.

Dentro das novidades, destacan o espectáculo de Heroes e Deuses; a constitución do senado romano, formado por veciños da cidade que levarán a cabo diferentes actuacións; unhas olimpiadas romanas protagonizadas por 7 clubes deportivos da cidade entre as que haberá loitas grecorromanas ou esgrima clásica; ou o asado dun porco celta recheo e produtos autóctonos, entre outras actuacións.

As entradas para o Circo Romano e o espectáculo “Heroes e Deuses” poden adquirise dende hoxe a través da páxina web de NovaGalicia Banco. O prezo das entradas é de 2 euros.

A cidade vivirá tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderemos disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana. E como lucense invítovos a todos e todas a que veñades a Lugo, porque o pasaredes moi ben no Arde Lucus.

06/06/12

Unidos para cambiar o Mundo


SOMOS é unha iniciativa que agrupa un gran número de ONG coa finalidade de fomentar a solidariedade na sociedade na que vivimos, e para recoñecer o que todos os colaboradores das ONG fan cada día. SOMOS é unha homenaxe ao colaborador actual, e un convite a novas persoas para que se sumen ao sono de cambiar o mundo.

No noso país existen máis de 3 millóns de persoas que colaboran regularmente cunha ONG, e achegan máis de 500 millóns de euros ao ano. Aínda que esta cifra só representa un 8% da poboación, é un grupo moi importante para as organizacións xa que coa súa achega, por pequena que sexa, fai posible a atención a millóns de persoas en España e en países menos desenvolvidos. Por iso, agradecen a solidariedade de tantas persoas, fanlles unha homenaxe e invitan a moita máis xente a que se sume.

O 8 de xuño é o día en que dende SOMOS queren agradecer toda a implicación e o apoio que reciben as ONG por parte dos seus socios e colaboradores. Pero este día, como nos explican neste vídeo, tamén debe converterse nun movemento solidario masivo. Como todo o mundo pode sentir o mesmo, propóñennos un reto común: o 8 de xuño salgamos á rúa con algo ao revés.

Hai que demostrar entre todos que podemos darlle a volta ás cousas e vivir nun mundo mellor. Que se note a presenza de máis de 3 millóns de persoas solidarias, e que este movemento de entusiasmo e felicidade poida contaxiar ao resto da sociedade a facer o mesmo.

29/05/12

Lugo pola noite


Quero compartir con vós este vídeo da cidade de Lugo pola noite, que atopei nas redes sociais e gustoume moito. Se aínda non coñecedes Lugo e vedes que é tan bonito pola noite, imaxinádevos cómo será polo día! Así que eu anímovos a que veñades a descubrir unha cidade con máis de dous mil anos de historia, a Muralla Romana Patrimonio da Humanidade e un lugar marabilloso no que as xentes disfrutan os pequenos praceres da vida.

Lugo foi fundada polos romanos quince anos antes da nosa era co nome de Lucus Augusti, e conserva íntegra unha Muralla que contemplou máis de dous mil anos de historia. A Muralla de Lugo foi designada o 2 de decembro do ano 2000 Patrimonio da Humanidade. Ademais a cidade conta con numerosos recoñecementos que xurdiron a partir desta data.

Así, o 7 de novembro de 2002 a UNESCO designa a parte central da provincia de Lugo, na que se inclúe o municipio, como Reserva da Biosfera "Terras do Miño". Máis tarde virá a declaración de San Froilán como Festa de Interese Turístico Nacional, a declaración de Lugo como Municipio Turístico Galego, o premio Reina Sofía de Accesibilidade 2006 e a declaración do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Galego, entre outros.

Por todo isto, aproveito agora para invitarvos a que nos visitedes, porque estou seguro de que o pasaredes moi ben en Lugo.

22/05/12

Eu estudei na Pública


Síntome identificado co que comentan neste vídeo, porque eu tamén estou orgulloso de poder dicir que sempre estudei na Educación Pública, o que me deu a posibilidade de realizar os meus estudos. Grazas a que puiden estudar no ensino público son Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Fixen os estudos de Primaria no Colexio Público de Casás (Lugo) e os de Secundaria e Bacharelato no IES Manuel Leiras Pulpeiro de Lugo. E como digo sempre, eu se teño fillos gustaríame que poidan estudar na Educación Pública.

Por iso, considero que é necesario denunciar os ataques que está a sufrir a Educación Pública por parte do PP, para que a cidadanía se dea conta de que o que nos estamos xogando vai máis aló da economía, xa que o que realmente supoñen estes recortes é a redución de calidade no ensino público, ao ter menos profesores, e o incremento do fracaso escolar que leva aparellado.

Estas políticas restritivas en gasto educativo buscan a deterioración do dereito fundamental de formarse ao longo de toda a vida, que só garante a Educación Pública. Os recortes que se están producindo nestes momentos, por parte do Goberno central e das comunidades autónomas gobernadas polo PP, minguarán a equidade e a calidade do ensino.

Agora máis que nunca a loita contra o fracaso e o abandono escolar debe ser o obxectivo prioritario. Sen investimento en educación non haberá avance posible. De non ser así a calidade do ensino sufrirá un gravísimo deterioro, e por ende, o futuro da nosa sociedade.

Estudantes de onte e hoxe, profesorado, familias e cidadanía en xeral elevamos a nosa voz en defensa da Educación Pública. E chamamos aos nosos concidadáns a saír tamén na súa defensa, en primeira persoa, orgullosos da formación académica e humana que recibimos nas aulas dos seus colexios, institutos e universidades.

17/05/12

Día de Internet e das Letras Galegas


O 17 de maio, ademais de ser o Día Mundial de Internet, tamén é o Día das Letras Galegas. O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida.

O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas nun escrito presentado á Real Academia Galega.

Dende 1963 celébrase esta conmemoración cada 17 de maio e Valentín Paz Andrade é a figura homenaxeada co Día das Letras Galegas 2012. É destacable o compromiso lingüístico que adoptou Valentín Paz Andrade coa lingua galega.

Xurista, xornalista, académico, conferenciante, político, poeta ou empresario, a proteica e rica personalidade de Valentín Paz Andrade resiste calquera tentativa de redución a un único aspecto da súa personalidade que non sexa o do seu compromiso con Galicia, que el mesmo propuxo como tarefa.


A celebración do Día de Internet xurde por iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet, e a súa primeira edición tivo lugar o 25 de outubro de 2005. Nesa data, leváronse a cabo máis de 400 eventos en máis de 8.000 emprazamentos de 31 provincias das 17 Comunidades Autónomas. Máis de 200 entidades públicas e privadas subscribiron a Declaración de Principios para construír a Sociedade da Información, en representación de máis dun millón de cidadáns.

Na Sesión Plenaria número 74, celebrada o 27 de marzo de 2006, as Nacións Unidas, a instancias do II Cumio Mundial da Sociedade da Información celebrado en Tunicia, aprobaron designar o 17 de maio como Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, compartindo idénticos obxectivos aos do Día de Internet.

No Día Mundial de Internet quero resaltar que as Tecnoloxías da Información e da Comunicación constitúen un eido de coñecemento imprescindible para a igualdade de oportunidades, polo que debemos traballar para superar a fenda dixital e facilitar o seu acceso a toda a cidadanía.

E dende o meu blog quero desexarvos que teñades un Feliz Día das Letras Galegas e de Internet a todos e todas!

"A imaxe do que unha lingua foi ou deixou de ser no percurso das edás, non se debera interpor na comprensión do seu destiño"
Valentín Paz Andrade, O porvir da lingua

08/05/12

A axuda no fogar é imprescindible

A Axuda no Fogar é unha das prestacións básicas de servizos sociais que ten por obxectivo o coidado e integración social no propio contorno daquelas persoas que por razón de idade, problemas familiares ou precariedade de medios precisen da axuda doutras persoas para poder desenvolverse na súa actividade diaria.

Con todo e a pesar da grande importancia destas axudas, máis de 3.000 persoas poden quedar sen a súa Axuda no Fogar á que tiñan dereito e outras 2.000 poden quedar sen emprego. Estas son as consecuencias que pode sufrir a provincia de Lugo de continuar vixente o Decreto 99/2012 en que a Xunta de Galicia exclúe a todos os concellos menores de 20.000 habitantes dunha axuda que é esencial para o día a día.


Onte, a Deputación de Lugo anunciou que presentará un requirimento para esixir á Xunta que derrogue o citado decreto que deixaría sen cobertura á práctica totalidade dos concellos da provincia. A Xunta ten un prazo de un mes para respostar ao requirimento da Deputación. De non facelo, a institución luguesa recorrerá ao Contencioso para que os recortes autonómicos non supoñan que en Lugo 3.000 persoas perdan as Axudas no Fogar e outras 2.000 os seus empregos.

Durante os últimos anos, a Deputación de Lugo concedeu aos Concellos 1.600.000 euros en subvencións para cooperar co financiamento das Axudas no Fogar. Pola contra, a Xunta, que está obrigada por lei a financiar os Servizos Sociais, suprimiu esta axuda por completo este ano na provincia, o que provacará que 66 concellos lucenses queden sen a súa contribución, hoxe máis necesaria ca nunca.

25/04/12

Coa Educación e a Sanidade non se xoga


Sempre estudei na Educación Pública e se teño fillos quero que tamén poidan facelo. Pero as políticas restritivas en gasto educativo que está a levar a cabo o PP buscan a deterioración do dereito fundamental de formarse ao longo de toda a vida, que só garante o ensino público. Os recortes que se están producindo nestes momentos, por parte do Goberno central e das comunidades autónomas gobernadas polo PP, minguarán a equidade e a calidade do ensino.

A Sanidade Pública é un dos servizos públicos mellor valorados polos cidadáns. Pero os 7.000 millóns de euros adicionais recortados polo Goberno suporán o incremento dos concertos privados e da colaboración privada na Sanidade Pública, á vez que se seguirán pechando centros e servizos públicos, ademais aumentará a privatización de servizos.

Queren acabar coa Sanidade Pública e coa Educación Pública, uns dereitos que custou moito conseguir e que nos igualan a todos e todas, independentemente do diñeiro que un teña. Todos temos que ter acceso á Educación e a Sanidade Pública e non só os que a poidan pagar, PORQUE A SANIDADE E A EDUCACIÓN PÚBLICA SON UNS DEREITOS DE TODOS E NON LLES IMOS DEIXAR QUE NOLOS QUITEN!!!

Por iso, súmome ao manifesto en defensa do Estado do Benestar Social e dos Servizos Públicos, porque coa Educación e a Sanidade non se xoga. Tamén anímovos a que asistades ás manifestacións convocadas para o próximo domingo 29 de abril. En Lugo a manifestación comezará ás 12:00 horas diante da Casa Sindical.

17/04/12

LugoMáxico 2012


A 9ª Semana Internacional de Maxia de Lugo, LugoMáxico 2012, arrincará o próximo 29 de abril cunha Gala Inaugural a cargo do Mago Karim (presentador da Gala Internacional do LugoMáxico 2010) e que deixou un moi bo sabor de boca entre os lucenses, nesta ocasión Karim será o encargado de inaugurar este LugoMáxico, que se celebrará a semana do 29 de abril ao 5 de maio.


30 Magos chegados de diferentes partes do mundo (Arxentina, EEUU, Ucrania, China, Francia…) farán as delicias de todos os lucenses durante unha semana na que destacan a cantidade de actuacións programadas durante toda a semana, xa que os lucenses podrán disfrutar de máis de 60 actuacións repartidas por toda a cidade.

Haberá actuacións de rúa na Praza Maior, na Rúa San Marcos, na Praza do Campo, en Campo Castelo, en Bispo Aguirre, na Universidade, en Augas Férreas, na Praza da Milagrosa e no Barrio da Residencia, así como no Hospital Lucus Augusti, no centro de día Antonio Gandoy, no Mesón do Forno, na asociación Aspnais e na Asociación de Persoas Xordas.

Como novidade este ano está tamén a instalación de dúas carpas a modo de teatros de rúa na Praza Maior e en San Marcos que continuamente, todas as tardes, terán pases cada 15 minutos con entrada aberta e de balde. Só haberá que pagar polas galas do auditorio, que terán un prezo de entre 8 e 12 euros as de público adulto e entre 5 e 9 euros as de infantil.

A Maxia inundará Lugo con máis de 60 actuacións programadas a cargo de 30 magos chegados de todo o mundo. As entradas para as galas do LugoMáxico 2012 pódense adquirir a través da web de NovaGalicia Banco.

14/04/12

Día da República


Hoxe celébrase o día da República, porque o 14 de abril de 1931 proclamábase a Segunda República Española, sendo Éibar a primeira cidade na que se izaba a bandeira tricolor. E eu quero recordar esta data polo significado que tivo, porque tróuxonos dereitos tan evidentes e fundamentais desde a nosa perspectiva actual como o sufraxio feminino.

Dende ese momento e ata o estoupido da Guerra Civil xa non houbo pobo deste ou doutro rei, senón cidadáns. Xa non houbo máis príncipes nin princesas e si un único soberano: o pobo. A xustiza, a liberdade, a igualdade, a fraternidade entre os pobos... son principios que impregnan o ideario político dos e das cidadáns de esquerdas.

Foi unha loita pola consecución dos valores republicanos da Constitución de 1931, uns valores que seguen vivos e que defenden unha democracia mellor. Así que hoxe quero despedirme co cálido saúdo daqueles republicanos do 31: "Saúde e República".

03/04/12

Os 100 días de Rajoy


Con este xa levo escritos 200 posts no meu blog. Neste post quero falar dos 100 días de goberno de Rajoy, que eu resumiría en 100 días facendo o contrario do que dixo que ía facer. Como ben demostra este vídeo, que recolle declaracións de Mariano Rajoy durante a campaña electoral antes de que se celebraran as eleccións xerais do 20 de novembro. Iso era o que dicía daquela, pero agora hai que ver se realmente fixo o que dicía.

E dende que o Sr. Rajoy asumiu a Presidencia está a facer todo o contrario do que prometeu durante a campaña electoral. Non é certamente un período moi amplo, pouco máis de tres meses, aínda que si suficiente para dar un repaso ás decisións do Goberno cando os que hoxe o ocupan, cando estaban na oposición, non mantiveron ningunha contención nin límite nin cautela para trasladar aos cidadáns que coa súa chegada ao poder, coa confianza que a súa soa presenza xeraría, España deixaría atrás a crise e iniciaría inmediatamente o camiño da recuperación.

O noso principal problema, a situación da economía española afectada por unha crise global de extraordinaria magnitude, non ofreceu, contrariamente ao que nos prometían, signo ningún de recuperación. Centos de miles de persoas máis que caeron no desemprego; só en tres meses, o paro rexistrado creceu en máis de 200.000 persoas e hai 300.000 afiliados menos á Seguridade Social.

100 días abondaron para deixar en evidencia que non había un plan, tal e como clamaba Rajoy dende os bancos da oposición, para recuperar a economía do noso país. Os indicadores económicos, un tras outro, deterioráronse en pouco máis de tres meses de goberno; pasaremos do crecemento en 2011 á recesión en 2012. Nos 100 días do PP no Goberno, a situación económica do país empeorou. O diálogo e a negociación víronse marxinados da vida do Goberno.


Como podemos ver nesta viñeta de Santy Gutiérrez, Rajoy está levando a cabo importantes recortes en Educación, Sanidade e nas Políticas Sociais. Deste xeito, asistimos a un xiro marcadamente conservador, regresivo, na orientación das políticas públicas que en nada contribuíu a mellorar a situación dos cidadáns e cidadás ou a resolver os seus problemas; moi ao contrario, consolidou ou empeorou moitos e xerou novas fracturas.

Esta é a pegada que deixa o Goberno do PP nestes 100 días: a vida é máis cara; o emprego é máis precario; o despedimento é máis barato e os impostos son máis altos.

31/03/12

Apaga a luz e acende o Planeta


Ás 20:30 horas de hoxe, sábado 31 de marzo, cidadáns, institucións, empresas e gobernos de todo o mundo apagarán as súas luces durante unha hora, participando así na celebración do evento A Hora do Planeta organizado por WWF, transcendendo todas as barreiras de relixión, cultura, sociedade, xeración e localización xeográfica nunha celebración global polo Planeta.

No que posiblemente será a maior chamada á acción para loitar contra o cambio climático, a Hora do Planeta 2012 conseguirá que centos de millóns de persoas de pobos e cidades dos seis continentes apaguen a luz durante unha hora. A Hora do Planeta pretende alcanzar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio.

Ao animar a cidadáns, empresas e gobernos a comprometerse e actuar en favor da sostibilidade e demostrando tal compromiso ao apagar as luces durante unha hora concreta, a Hora do Planeta estará a lanzar unha poderosa mensaxe de esperanza do que podemos lograr se actuamos xuntos. Isto inspirará outros para que se unan ao obxectivo final de conseguir un mundo máis san.

A Hora do Planeta empezou nunha soa cidade dun país o 31 de marzo de 2007, cando 2,2 millóns de persoas de Sidney, Australia, apagaron as súas luces durante unha hora para reclamar accións contra o cambio climático. Un ano despois, 370 cidades de máis de 35 países converteron esta iniciativa nun movemento global pola sostibilidade, conseguindo que entre 50 e 100 millóns de persoas apagasen as luces na Hora do Planeta 2008. Edificios emblemáticos como a ponte Golden Gate, o Coliseo de Roma, Times Square ou o Cristo Redentor de Río de Janeiro uníronse a este chamamento de acción polo clima escurecéndose durante unha hora.

E dende o meu blog quero aproveitar para animarvos a que vos sumedes a esta iniciativa e durante unha hora apaguemos as luces, deste xeito estaremos actuando contra o cambio climático.

27/03/12

AgrupaLugo solicita máis policía no rural

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) mostramos a nosa preocupación polo importante incremento de roubos nas parroquias da zona rural do municipio de Lugo. Esta situación está a crear unha percepción de inseguridade entre os veciños.

Cada día as asociacións e os veciños nos informan de máis casos de roubos no rural. Uns roubos que se producen sobre todo en alpendres, segundas vivendas e fincas. Tamén houbo un aumento de roubos e danos nos locais sociais das asociacións ou nas instalacións veciñais existentes nas parroquias rurais.

Pero o feito máis alarmante é que nalgúns alpendres e fincas xa entraron a roubar varias veces nun escaso período de tempo. Isto fai que os seus propietarios se sintan desprotexidos e que non poidan ter ferramentas ou materiais de valor, polo temor de que llos rouben.

Somos conscientes de que a importante extensión da zona rural do municipio de Lugo, a gran cantidade de núcleos rurais existentes e a dispersión existente entre as vivendas, son uns elementos que dificultan o labor da Policía e que, polo tanto, contribúen a unha maior inseguridade no rural.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo solicitámoslle por escrito ao Subdelegado do Goberno unha maior presenza da Policía Nacional na zona rural do municipio de Lugo, como medida disuasoria de roubos e para aumentar a sensación de seguridade cidadá.

Así mesmo, AgrupaLugo e as asociacións veciñais que forman parte da nosa federación reiteramos a nosa disposición para colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, contribuíndo a mellorar a seguridade cidadá en Lugo. Por exemplo, seguiremos colaborando na organización de máis charlas sobre seguridade cidadá e formas de evitar roubos e estafas no rural, que son impartidas por axentes da Policía Nacional nos locais das asociacións.

Tamén animo a tódolos veciños do rural a que colaboren coa Policía Nacional, chamando ao teléfono 091 cando vexan situacións ou persoas sospeitosas.