25/04/11

25 anos da Lei Xeral de Sanidade



Hoxe, 25 de abril, cando se cumpren 25 Anos da Aprobación da Lei Xeral de Sanidade 14/1986, quero facer referencia no meu blog a este importante acontecemento, citando algunhas ideas do Manifesto do PSOE polo 25 aniversario da Lei Xeral de Sanidade e deste vídeo. Porque con esta Lei creouse o noso Sistema Nacional de Saúde, que foi un dos legados máis importantes que nos deixou o primeiro goberno socialista de Felipe González e unha das leis clave da nosa democracia.

Esta Lei, promovida polo ministro socialista, Ernest Lluch, puxo en marcha a reforma e modernización da sanidade española, consagrando os principios de universalidade e financiamento público a través de impostos, transcendental para asegurar o papel de alicerce fundamental de Estado de Benestar que se quería que desempeñase o sistema sanitario para todos os españois. Tiña un obxectivo prioritario: substituír a caridade por dereitos, vinculando a protección sanitaria á condición de cidadán.

Atopámonos por tanto cun bo sistema do que temos que estar todos orgullosos, froito do traballo de moitas xeracións, constituíndo, hoxe en día, un referente de primeira orde nas políticas de benestar en España e un dos máis avanzados e eficientes de cantos existen en Europa, tanto pola solidez do sistema, a formación e alta cualificación dos seus profesionais, como pola súa calidade científica e polas súas prestacións.

Agora temos que seguir apoiando o futuro dun sistema público e universal que se puxo en marcha hai 25 anos. Ante os que propoñen menos servizos públicos para deixar todo en mans do mercado, os socialistas apostamos por servizos públicos máis potentes, mellor dotados e máis eficaces, como elemento intrínseco da xustiza social que defendemos.

15/04/11

Ano europeo do Voluntariado



Onte asistín ás xonadas “Novas redes para o voluntariado en Europa. 2011 Ano Europeo do voluntariado”, que están organizadas polo Concello de Lugo, a través do Centro de información europea Europe Direct-Lugo, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e as entidades sociais da cidade de Lugo.

Nestas xornadas vin este vídeo, que me gustou moito e que quero compartir con vos, porque podedes ver como as persoas voluntarias animan á cidadanía a participar en actividades de voluntariado por unha infinidade de motivos.

O ano 2011 foi nomeado pola Comisión Europea, Ano Europeo do voluntariado. O obxectivo xeral deste ano e fomentar é apoiar o intercambio de experiencias e boas prácticas para crear as condicións na sociedade civil, que favorezan o voluntariado e mellorar a visibilidade das actividades de voluntariado.

Este Encontro de Voluntariado, organizado con motivo do ano 2011, ten como obxectivo favorecer o coñecemento das actividades de voluntariado entre toda a cidadanía. O voluntariado como forma de expresión da participación cidadá é un feito que podemos atopar en diferentes países e que nos debe facer reflexionar sobre a necesidade de compartir experiencias de traballo en rede que nos permita descubrir outras realidades diferentes da lucense.

06/04/11

Vén dar unha volta por Lugo



Acabo de ver este anuncio nas redes sociais e gustoume moito, polo que quero compartilo con vos no meu blog para invitar a todo o mundo a que veña a "Dar unha volta por Lugo" e descubrir unha cidade con máis de dous mil anos de historia, a Muralla Romana Patrimonio da Humanidade e un lugar marabilloso no que as xentes disfrutan os pequenos praceres da vida. Tamén podedes ver: Spot Oficial de Lugo en castellano.

Lugo foi fundada polos romanos quince anos antes da nosa era co nome de Lucus Augusti, e conserva íntegra unha Muralla que contemplou máis de dous mil anos de historia. A Muralla de Lugo foi designada o 2 de decembro do ano 2000 Patrimonio da Humanidade. Ademais a cidade conta con numerosos recoñecementos que xurdiron a partir desta data.

Así, o 7 de novembro de 2002 a UNESCO designa a parte central da provincia de Lugo, na que se inclúe o municipio, como Reserva da Biosfera "Terras do Miño". Máis tarde virá a declaración de San Froilán como Festa de Interese Turístico Nacional, a declaración de Lugo como Municipio Turístico Galego e o premio Reina Sofía de Accesibilidade 2006 entre outros.

Por todo isto, aproveito agora para invitarvos a que nos visitedes, porque estou seguro de que o pasardes moi ben en Lugo.

Así que eu tamén vos animo a que veñades dar unha volta por Lugo.