25/04/11

25 anos da Lei Xeral de Sanidade



Hoxe, 25 de abril, cando se cumpren 25 Anos da Aprobación da Lei Xeral de Sanidade 14/1986, quero facer referencia no meu blog a este importante acontecemento, citando algunhas ideas do Manifesto do PSOE polo 25 aniversario da Lei Xeral de Sanidade e deste vídeo. Porque con esta Lei creouse o noso Sistema Nacional de Saúde, que foi un dos legados máis importantes que nos deixou o primeiro goberno socialista de Felipe González e unha das leis clave da nosa democracia.

Esta Lei, promovida polo ministro socialista, Ernest Lluch, puxo en marcha a reforma e modernización da sanidade española, consagrando os principios de universalidade e financiamento público a través de impostos, transcendental para asegurar o papel de alicerce fundamental de Estado de Benestar que se quería que desempeñase o sistema sanitario para todos os españois. Tiña un obxectivo prioritario: substituír a caridade por dereitos, vinculando a protección sanitaria á condición de cidadán.

Atopámonos por tanto cun bo sistema do que temos que estar todos orgullosos, froito do traballo de moitas xeracións, constituíndo, hoxe en día, un referente de primeira orde nas políticas de benestar en España e un dos máis avanzados e eficientes de cantos existen en Europa, tanto pola solidez do sistema, a formación e alta cualificación dos seus profesionais, como pola súa calidade científica e polas súas prestacións.

Agora temos que seguir apoiando o futuro dun sistema público e universal que se puxo en marcha hai 25 anos. Ante os que propoñen menos servizos públicos para deixar todo en mans do mercado, os socialistas apostamos por servizos públicos máis potentes, mellor dotados e máis eficaces, como elemento intrínseco da xustiza social que defendemos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.