29/05/08

Felicitación ao IES Leiras Pulpeiro


A continuación póño o comentario que fixen para a Revista Lerias do Leiras co gallo da celebración dos dez anos de funcionamento do IES Leiras Pulpeiro de Lugo:

Como ex-alumno deste instituto quero manifestar que foi unha honra poder estudar e pasar unha etapa da miña formación neste centro educativo, no que para min foi e sigue sendo como a miña casa. Ademais, ao meu parecer, conta cun dos mellores equipos de docentes de Lugo. Docentes que, ademais de traballar, teñen unha relación próxima cos seus alumnos, polo que lles estaremos sempre moi agradecidos. Porque nos meus recordos están moitos momentos que pasamos xuntos alumnos e profesores, como se foramos unha familia. E tamén me lembro de moitas das actividades que se realizaban e nas que teño participado.

E síntome orgulloso de poder dicir que estudei no IES Leiras Pulpeiro, algo que sempre lle dicía ás persoas que lle querían atribuír ao noso instituto unha mala fama que, dende logo, para nada se merecía. E que hoxe en día xa ninguén pon en cuestión que sexa un centro exemplar. E isto podemos velo nos resultados académicos dos alumnos e alumnas, no importante número de actividades que se realizan, na súa organización e funcionamento, etc.

Por todo isto e como este é un ano especial para o instituto, porque cumpre dez anos de funcionamento, quero felicitar a tódalas persoas que estamos relacionadas con este centro educativo, especialmente a tódalas persoas encargadas de que día a día poida abrir as súas portas e realice as funcións que lle ten encomendado a sociedade. E como digo sempre, eu se teño fillos gustaríame que viñeran a este instituto, do que gardo tan bos recordos.

21/05/08

Novo portal web do Concello de Lugo

O Concello de Lugo presentou onte a súa nova Imaxe Corporativa municipal e o seu novo portal web que mantén o dominio lugo.es, pero que cambia totalmente de aspecto. Baixo o lema "Nova imaxe…a mesma paixón por Lugo", o Concello lucense moderniza a súa marca e tamén o seu portal de acceso a Internet para adaptalo aos novos tempos dunha cidade que avanza.

E quero felicitar ao Equipo de Goberno do Concello de Lugo, porque este portal web convértese nun portal moderno, dinámico e sobre todo máis accesible. Unha nova ferramenta para facilitar cada vez máis a comunicación entre o Concello e os cidadáns, xa que o novo portal incorpora novos trámites que facilitan as xestións coa Administración Local.

Neste senso de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía o Concello de Lugo está a facer unha importante labor, xa que leva feito importantes iniciativas neste campo, como son o proxecto Lugo Dixital, o Blog do Alcalde, o envío de correos electrónicos ou de SMS coa información municipal, o Servizo de Información Municipal 010, os Encontros dixitais do Alcalde, os Cadernos de Lugo ou o programa Conéctate en Lugo.

Así que temos que seguir por este camiño e hai que seguir achegando a toda a cidadanía ás novas tecnoloxías. E hai que facer que toda a cidadanía teña a posibilidade de acceder a Internet, independentemente do lugar no que viva, para rematar coa "fenda dixital" que hai na nosa sociedade.

15/05/08

Pradolongo

Dende o 9 de maio xa podemos ver en Lugo Pradolongo, unha largometraxe galega na que participa Tamara Canosa, unha compañeira que protagoniza este filme de Ignacio Vilar con Rubén Riós e Roberto Porto. Así que desde aquí quero aproveitar para desexarlle moita sorte con esta película e darlle ánimos nestes días nos que está de promoción. E se aínda non a vistes, recoméndovos que a vexades.

12/05/08

Reforma do Regulamento de Participación Cidadá

A Lei 57/2003, de 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, fai que haxa que reformar o actual Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo para adaptalo a esta normativa vixente. E por este motivo o xoves pasado constituíse a Comisión encargada de elaborar e propoñer un novo regulamento, da que eu formo parte, xa que fun elixido por varias asociacións non federadas para que sexa o seu representante nesta Comisión. Nela participamos un representante do Goberno, un representante de cada un dos grupos que conforman a Corporación Municipal (PSdeG-PSOE, PP e BNG), os representantes do tecido asociativo (un representante da Federación de Asociacións de Veciños, un representante da Unión de Asociacións Veciñais e un representante de asociacións non federadas) e un funcionario municipal encargado da participación cidadá.

E quero felicitar ao Equipo de Goberno do Concello de Lugo por darnos esta posibilidade de participar nesta Comisión ás asociacións que nos estamos federadas. Porque dende o respecto que me merecen ás dúas federacións que hai en Lugo, teño que dicir que non nos representaban a moitas asociacións deste concello que non estamos federadas. E creo que esta razón non debe de impedir a nosa participación como representantes dos nosos asociados, que tamén son veciños e veciñas de Lugo que teñen dereito a que a ser escoitados e a participar nestas decisións que tamén lles afectan.

E tamén lles quero agradecer o apoio e a confianza que depositaron en min os meus compañeiros e compañeiras de varias asociacións non federadas para que as represente, e ás que lles quero indicar que traballarei dende a responsabilidade e escoitando a todas estas asociacións e trasladando a esta Comisión ás súas suxestións. Así que deste xeito poderemos expresar a nosa voz e colaborar na elaboración dun texto tan importante como é este Regulamento, o que é un elemento que fortalece a democracia e que fai máis representativas as decisións que se tomen.

05/05/08

Unha nova responsabilidade

Este sábado celebrouse a Asemblea Extraordinaria da Agrupación Local de Lugo de Xuventudes Socialistas, onde fun elixido como Secretario de Administración, Medio Rural e Universidade. Unha tarefa que se me encargou, que asumo con moita ilusión e ganas de traballo, á que lle dedicarei o meu esforzo para cumprir coas miñas obrigacións. E todo elo para facer realidade a miña intención de non fallarlles a tódalas persoas que confían en min.

Como sempre digo eu estou sempre a disposición de colaborar nas entidades nas que teño o pracer de participar. Como veño facendo en IESGA (Iniciativa Estudantil Galega), ou na Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol, da que son Secretario. E por suposto, seguindo sempre os meus principios, sendo un deles o de diferenciar e separar o traballo que exerzo en cada unha das entidades nas que colaboro e querendo o mellor para a organización.

E xa sabedes que me tedes a vosa disposición para todo aquilo no que vos poida axudar. Así que tédesme ao voso servizo para calquera cuestión relacionada coas entidades nas que participo e nas que teño responsabilidades. Unhas responsabilidades que sempre tentarei cumprir e colaborar para o mellor funcionamento dentro destas organizacións. Finalmente agradézolle a tódalas persoas que confían en min para levar a cabo estas tarefas e que son as que me dan ánimos e forzas para seguir traballando.