23/12/12

Boas Festas e Feliz 2013


Para ampliar a postal hai que premer na imaxe.

Con esta postal quero desexarvos a todos e todas unhas Boas Festas e un Feliz 2013, agardando que este ano novo veña cargado de ilusión, felicidade e prosperidade. A imaxe da postal é da Pasarela Peonil sobre o Río Miño no barrio de San Lázaro en Lugo.

Un ano máis dende o meu blog escribo para compartir con vos as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a vosa opinión como lectores. E agardo que no 2013 sigades visitando e participando neste blog.

Eu volverei a estar con vos no meu blog con todas as forzas e a ilusión no ano novo despois destas festas, pero mentres recórdovos que tamén seguimos en contacto a través das redes sociais. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!


P.D.: Quero expresar as miñas condolencias polo falecemento hoxe do político Ceferino Díaz, que traballou e loitou polo socialismo e o galeguismo, contribuíndo á democracia, ó Estado do Benestar e ó Autogoberno en Galicia.

20/12/12

Necesitamos Hemodinámica en Lugo


Dende a Agrupación de Asociación de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) criticamos que Lugo aínda sexa a única provincia galega que non teña en funcionamento unha unidade de Hemodinámica, porque dende que se inaugurou o Hospital Universitario Lucus Augusti segue pechada a ubicación destinada para esta unidade.

Ademais no momento en que se inaugurou o HULA explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria, pero isto a AgrupaLugo parécelle un engano, mentres se continúe sen prestar un servizo imprescindible como o de Hemodinámica.

Dende AgrupaLugo parécennos moi alarmantes os datos que deron a coñecer os especialistas nesta materia, indicando que a mortalidade de pacientes con infarto de miocardio en Lugo dobra a de áreas como a da Coruña, Santiago ou Vigo pola ausencia de sala de Hemodinámica.

Nestes momentos a mortalidade nos pacientes con infartos de miocardio está a ser moito máis alta na provincia de Lugo, porque hai que trasladar aos pacientes, o que retrasa moito o tempo para atender este tipo de problemas médicos.

Ademais destacamos que segundo os datos facilitados o SERGAS está gastando máis de medio millón de euros ao ano nos traslados dos pacientes ao Hospital da Coruña. Mentres que poñer en marcha a unidade de Hemodinámica do HULA custaría sobre uns 150.000 euros, o que supón un aforro considerable e evitar traslados que poñen nun en risco a vida dos pacientes.

Polo tanto, se o SERGAS quere ser austero, a mellor opción é poñer en marcha a Unidade de Hemodinámica no HULA, porque se aforraría unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo solicitaráselle por escrito ao Presidente da Xunta de Galicia e á Conselleira de Sanidade a apertura da Unidade de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Para máis información podedes escoitar a entrevista que me fixeron no programa "Hoy por Hoy Lugo" de Radio Lugo - Cadena Ser sobre este asunto e outros temas de actualidade.

05/12/12

Museo Interactivo da Historia de Lugo


O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) xa abriu as súas portas. Este edificio, situado no Parque de Frigsa, recibiu numerosos recoñecementos internacionais pola súa singularidade arquitectónica. O MIHL configúrase como un proxecto moi innovador tanto na súa arquitectura como na súa instalación museográfica. A cuberta do edificio é, en realidade, un gran xardín arborado de 11.300 metros cadrados, no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. O conxunto arquitectónico subterráneo está formado por cilindros de máis de 8 metros de altura.

A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, é a dun parque-museo, é dicir, un edificio que xorde da relación coa paisaxe. En realidade gran parte do edificio queda semisoterrado baixo un amplo xardín que se vincula ao próximo Parque de Frigsa. Uns grandes cilíndricos emerxen transmitindo a imaxe do novo museo á cidade de Lugo. Exteriormente están revestidos dunha celosía metálica de aceiro corten que se iluminará na noite. No interior, os materiais varían segundo as distintas áreas, e adáptanse ás condicións dun museo interactivo (materiais absorbentes, madeiras, revocos, solados de formigón, chans técnicos, etc.).


En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, ademais de cafetería, tenda, administración, etc. É de destacar que o sistema enerxético do edificio farase por medio de caldeiras de biomasa, o que evita o emprego de enerxías non renovables e favorece a súa sostenibilidade.

O Concello de Lugo quere que a exposición de Arte Contemporánea, coa que o MIHL comezou a súa andadura, sexa a máis importante das que se realizan en Galicia neste ano. Trátase dunha exposición colectiva dos principais artistas contemporáneos galegos que acollerá obras cedidas e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Murado ou Paco Leiro. A mostra leva por título “A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos” e nela son os propios artistas os que escollen unha obra súa, representativa da súa traxectoria, para esta exposición, convertida así nunha antoloxía da Arte Contemporánea galega.

O MIHL está aberto de martes a domingo de 17:00 a 21:00 horas e se aínda non o vistes, recoméndovos que o visitedes, porque seguro que vos gustará.