28/09/10

Formación nos Telecentros

A Concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela, presentou unha iniciativa para achegar as novas tecnoloxías ás zonas rurais de Lugo. As actividades terán lugar nas parroquias da zona rural do municipio, e están incluídas no Proxecto europeo PARNET-tic.

PARNET-tic é un proxecto destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais, fomentando o acceso ás infraestruturas da comunicación e a sociedade da información. Este proxecto intégrase no programa de cooperación territorial “Espacio Sudoeste 2007-2013” da Unión Europea.

Son actividades dirixidas a toda a poboación, pero sobre todo á xente máis maior que quere pedir cita no médico, solicitar un certificado no Padrón ou visitar un museo. O programa formativo ten como obxectivo iniciar aos usuarios tanto no manexo dos sistemas operativos e de certas aplicacións convencionais, como o uso de Internet e das novas tecnoloxías aplicadas ao uso cotián. Está dividido en dúas partes, unha sobre a iniciación ao mundo da informática e outra sobre a navegación por Internet.

Á xente maior interésalles as novas tecnoloxías. Por exemplo na cidade as actividades no Telecentro do Castiñeiro teñen moitísimo éxito, xa que os 15 ordenadores sempre están ocupados. Os obxectivos deste telecentro son formar os usuarios de coñecementos básicos para utilizar un ordenador, así como crear habilidades na navegación por Internet e a comunicación mediante o correo electrónico.

As actividades formativas no rural terán lugar na Rede de Telecentros Rurais: Calde, Coeses, Castelo, San Pedro de Mera, Santa Comba, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda e O Veral. A programación levarase a cabo dende o 28 de setembro ata o 27 de xaneiro, tódolos martes e xoves dende as 18.00 horas ata as 19.30 horas.

Hoxe comezamos coa programación formativa nos Telecentros Rurais de Calde e Coeses e estou moi contento pola boa acollida que tivemos entre os veciños. E dende o meu blog animo a tódolos lucenses a participar nas distintas actividades que organizamos dende o Concello de Lugo nos distintos telecentros municipais da zona rural e da cidade.

Para máis información no teléfono 010 do Concello ou na web www.lugo.es.

21/09/10

Debate sobre o estado do Concello

Onte tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Lugo o Debate sobre o estado do Concello. Na súa intervención o Alcalde destacou que hai un proxecto de cidade iniciado hai once anos que continúa, porque así o quixemos os lucenses, e que levou á modernización, mellora e cambio deste Concello como nunca se deu no seno do mesmo. E isto é algo evidente, aínda que por moito que o intente a oposición, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns e ben sabemos que as verbas do Alcalde de Lugo son certas.

Estamos case ao final do actual mandato e este proxecto non se para e continua o progreso de Lugo. Porque esa é a finalidade e o norte das políticas desenvolvidas: un cambio profundo no eido social sen esquecer nunca aos que más o necesitan; un cambio da vida cultural porque Lugo está á altura das cidades das súas características; un cambio no eido deportivo no que as instalacións deportivas nada teñen que ver coas que había antes de 1999; un cambio no coñecemento e promoción da cidade e por iso no aumento paulatino de turistas que estamos a vivir; un cambio no desenvolvemento urbanístico que levou a que barrios enteiros ofrezan un aspecto totalmente distinto o que tiñan.

Un cambio nas dotacións e nos equipamentos, tanto na zona urbana como na zona rural; un cambio nas infraestructuras viarias e medioambientais que fan da nosa cidade e da zona rural un modelo a seguir; un cambio na preocupación e deseño na colaboración na educación por parte do Concello de Lugo; un cambio na atención as persoas en paro cos continuos programas de reinserción laboral e promocións de políticas emprendedoras do Concello; un cambio constante na apertura da administración municipal aos veciños, tanto da zona urbana como rural, facendo que cheguen as novas tecnoloxías; un cambio que fixo da cidade de Lugo unha das cidades máis seguras de España...

Uns cambios que transformaron ao Concello e que a preparou para afrontar os riscos do futuro, con prudencia pero sen temor. E temos un Goberno Municipal socialista que está á altura das circunstancias polo ben de Lugo. Hai outras obras que están comezadas tanto na zona rural como na zona urbana que responden a ese espírito de modernización e de igualación dos veciños vivan onde vivan. Aínda quedan moitas cousas por facer, como recoñeceu o Alcalde, así que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante.

16/09/10

Os de Lugo somos así

Lugo 10 poñerá en marcha unha campaña co lema “Os de Lugo somos así”. O Concello de Lugo presentou esta campaña que difundirá mensaxes sobre os atractivos de Lugo e o carácter dos lucenses tamén en Santiago de Compostela. A campaña comezará este mes de setembro e rematará o 30 de novembro, co peche do programa conmemorativo do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial.

Mensaxes que describen aspectos da cidade e do xeito de ser dos lucenses: somos hospitalarios, amigos dos nosos amigos, encántanos as tapas, desfrutar das festas, temos un patrimonio marabilloso e unha historia cun valor incalculable, góstanos a natureza, o deporte… todas esas ideas conclúen no slogan: Os de Lugo somos así.

Tamén quero aproveitar para recomendarvos que participedes no concurso organizado por Lugo10 para todos os amigos en Facebook, Twitter e redes sociais, no que hai en xogo estupendos regalos e sobre todo, o prestixio de ser o creador dun slogan que levaremos por bandeira. O único que tes que facer é ler as bases con atención e deixar un comentario coa túa proposta de slogan para Lugo 10.

Porque nos gusta Lugo, porque hai que celebrar estes dez anos do nomeamento da Muralla como Patrimonio Mundial. Porque estamos orgullosos da nosa terra, da nosa cultura, do noso patrimonio, da nosa gastronomía e a nosa forma de ser. Porque somos unha cidade 10. Queremos encontrar entre todos o mellor slogan para Lugo 10. Un slogan que se difundirá rapidamente entre todas e todos e que representará todo un emblema para Lugo.

Máis información sobre este concurso no Facebook de Lugo10.

06/09/10

Pacto Provincial polo Emprego

Hoxe o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo aos alcaldes e técnicos municipais un pacto para crear 540 empregos nas profesións con máis futuro da provincia para o periodo 2010-2011. Unha importante iniciativa para os Concellos; que permite afrontar un ano difícil, no que hai menos recursos. Este programa busca formar aos desempregados e traballar en común.

Na xuntanza que tivo lugar na Deputación e na que participaron Alcaldes de técnicos de 58 Concellos, José Ramón Gómez Besteiro explicou o papel clave que terán os Concellos e fíxoos co-partícipes no Pacto Provincial polo Emprego, porque o obxectivo é conseguir que os máis de cincocentos desempregados de toda a provincia reciban formación especializada e que sirva para crear traballo en áreas que nada teñen nada que ver coa demanda de hai tres anos.

A Deputación e a Unión Europea farase cargo de tódolos custes económicos do programa, así como da organización e execución de cada paso, ademais da formación dos técnicos de emprego. O Pacto Provincial polo Emprego dispón de preto de 4 millóns de euros financiados pola Deputación nun 20% e o Fondo Social Europeo no 80% restante.

A formación comprenderá 45 cursos dirixidos a desempregados de todos os Concellos, excepto o de Lugo que, ó ter máis de 50.000 habitantes, conta co seu propio programa. En total suma máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. Ademais, os beneficiarios recibirán unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais.

Para máis información, pódese consultar a páxina do Pacto Provincial polo Emprego.