22/04/13

O xogo My Green Energy Planet



Con motivo do Día Mundial da Terra, que celebramos hoxe 22 de abril, WWF España e a Fundación AXA animan aos cidadáns a celebralo creando o seu propio planeta renovable en My Green Energy Planet. Este xogo de simulación online pretende concienciar e sensibilizar sobre a necesidade de construír unha realidade enerxética ambientalmente sostible e responsable para loitar contra o cambio climático.

Preservar a Terra dos impactos do cambio climático é posible e todos podemos contribuír ao cambio. Esta é a premisa de partida do xogo de simulación online My Green Energy Planet, desenvolvido por WWF e a Fundación AXA.

O reto deste 22 abril, Día Mundial da Terra, é animar aos internautas a que participen de forma activa na creación dun planeta renovable grazas ás accións que propón o xogo de simulación. Por exemplo, cambiando a forma de xerar e xestionar a enerxía por unha máis sostible, limpa, sen emisións de CO2 e respectuosa co medio ambiente, así como con accións de aforro e eficiencia enerxética en edificios, transporte e agricultura. Para logralo, cada xogador ten que aprender a xestionar os recursos enerxéticos do seu mundo virtual da forma máis eficiente e renovable posible, e actuar de forma responsable co medio, respectando as zonas de alto valor ecolóxico.

Todo iso debe facelo mantendo un equilibrio entre produción e consumo, coa posibilidade de comprar e vender enerxía nun mercado virtual. Ademais de crear un ámbito agradable para os cidadáns con accións como crear zonas verdes, carril bici, edificios eficientes, polideportivos e piscinas municipais que funcionan con enerxía solar fotovoltaica, granxas que aproveitan os seus residuos para xerar enerxía, pobos e aldeas con turismo ecolóxico rural. Todos estes cambios conseguen aumentar o indicador da satisfacción cidadá no xogo.

Para acceder a este xogo e crear un Planeta 100% renovable entra en: www.mygreenenergyplanet.com.

14/04/13

A pola Terceira República


Hoxe celébrase o Día da República, porque o 14 de abril de 1931 proclamábase a Segunda República Española, sendo Éibar a primeira cidade na que se izaba a bandeira tricolor. E eu súmome ao manifesto das Xuventudes Socialistas de Galicia e quero recordar esta data polo significado que tivo, porque tróuxonos dereitos tan evidentes e fundamentais desde a nosa perspectiva actual como o sufraxio feminino.

Dende ese momento e ata o estoupido da Guerra Civil xa non houbo pobo deste ou doutro rei, senón cidadáns. Xa non houbo máis príncipes nin princesas e si un único soberano: o pobo. A xustiza, a liberdade, a igualdade, a fraternidade entre os pobos... son principios que impregnan o ideario político dos e das cidadáns de esquerdas.

Foi unha loita pola consecución dos valores republicanos da Constitución de 1931, uns valores que seguen cada día máis vivos e que defenden unha democracia mellor. Por iso é necesario pór en pé un novo proxecto de país que poña no centro da súa política e a súa economía a participación activa e o benestar social da maioría, a democracia participativa e os dereitos sociais.

Todo isto chegará sen dúbida coa Terceira República.

01/04/13

Investigar a violencia de xénero

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) lamentamos a morte da muller que presuntamente foi vítima dun grave caso de violencia de xénero no barrio da Milagrosa. Tamén mostramos todo o noso apoio coas vítimas deste tipo de actos violentos.

Condeno firmemente este caso e rexeito calquera tipo de violencia de xénero. Entre todos e todas temos que erradicar esta lacra para que casos, como o acontecido en Lugo, non se volvan a repetir.

As mulleres que sofren malos tratos deben presentar denuncia contra os seus agresores e a continuación teñen que poñerse en marcha tódolos mecanismos de protección necesarios, onde ten un papel primordial a Policía Nacional.

Dende a Confederación Española de Policía (CEP) informouse que dende o mes de outubro a Comisaría da Policía Nacional en Lugo deixou de ter un grupo de investigación da violencia de xénero, un feito que a AgrupaLugo nos parece moi preocupante, sobre todo despois de que unha muller morrera presuntamente por un caso de violencia machista.

Neste sentido, dende AgrupaLugo consideramos fundamental que a Comisaría da Policía Nacional conte cun grupo específico e encargado de investigar os posibles casos de violencia de xénero, porque os recortes e retrocesos na prevención e investigación da violencia de xénero poden ter graves consecuencias, como a sucedida este venres.

Por estes motivos, dende AgrupaLugo enviarémoslle unha carta ao Subdelegado do Goberno para solicitarlle que a Policía Nacional investigue os posibles casos de violencia de xénero e que a Comisaría de Lugo volva a contar cun grupo especializado de investigación para estes casos.

Teléfono de atención ás mulleres maltratadas: 016