01/04/13

Investigar a violencia de xénero

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) lamentamos a morte da muller que presuntamente foi vítima dun grave caso de violencia de xénero no barrio da Milagrosa. Tamén mostramos todo o noso apoio coas vítimas deste tipo de actos violentos.

Condeno firmemente este caso e rexeito calquera tipo de violencia de xénero. Entre todos e todas temos que erradicar esta lacra para que casos, como o acontecido en Lugo, non se volvan a repetir.

As mulleres que sofren malos tratos deben presentar denuncia contra os seus agresores e a continuación teñen que poñerse en marcha tódolos mecanismos de protección necesarios, onde ten un papel primordial a Policía Nacional.

Dende a Confederación Española de Policía (CEP) informouse que dende o mes de outubro a Comisaría da Policía Nacional en Lugo deixou de ter un grupo de investigación da violencia de xénero, un feito que a AgrupaLugo nos parece moi preocupante, sobre todo despois de que unha muller morrera presuntamente por un caso de violencia machista.

Neste sentido, dende AgrupaLugo consideramos fundamental que a Comisaría da Policía Nacional conte cun grupo específico e encargado de investigar os posibles casos de violencia de xénero, porque os recortes e retrocesos na prevención e investigación da violencia de xénero poden ter graves consecuencias, como a sucedida este venres.

Por estes motivos, dende AgrupaLugo enviarémoslle unha carta ao Subdelegado do Goberno para solicitarlle que a Policía Nacional investigue os posibles casos de violencia de xénero e que a Comisaría de Lugo volva a contar cun grupo especializado de investigación para estes casos.

Teléfono de atención ás mulleres maltratadas: 016

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.