14/04/13

A pola Terceira República


Hoxe celébrase o Día da República, porque o 14 de abril de 1931 proclamábase a Segunda República Española, sendo Éibar a primeira cidade na que se izaba a bandeira tricolor. E eu súmome ao manifesto das Xuventudes Socialistas de Galicia e quero recordar esta data polo significado que tivo, porque tróuxonos dereitos tan evidentes e fundamentais desde a nosa perspectiva actual como o sufraxio feminino.

Dende ese momento e ata o estoupido da Guerra Civil xa non houbo pobo deste ou doutro rei, senón cidadáns. Xa non houbo máis príncipes nin princesas e si un único soberano: o pobo. A xustiza, a liberdade, a igualdade, a fraternidade entre os pobos... son principios que impregnan o ideario político dos e das cidadáns de esquerdas.

Foi unha loita pola consecución dos valores republicanos da Constitución de 1931, uns valores que seguen cada día máis vivos e que defenden unha democracia mellor. Por iso é necesario pór en pé un novo proxecto de país que poña no centro da súa política e a súa economía a participación activa e o benestar social da maioría, a democracia participativa e os dereitos sociais.

Todo isto chegará sen dúbida coa Terceira República.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.