20/06/11

Festas de Tirimol 2011


Os días 23, 24, 25 e 26 de xuño celebraranse as Festas Patronais de San Xoán de Tirimol. Este ano temos un programa moi completo, que conta cunha exhibición canina do Club de Agility AGIMEI o día 24, pasarrúas pola parroquia a cargo do Grupo Devandoira os días 25 e 26 ou a actuación da Banda Murajazz Big-Band o día 20, entre outras moitas actividades. A festa faise na Pista Polideportiva, que se usa como Campo da Festa e que está ao lado do Centro Social de Tirimol.

Unhas festas que non serían posibles sen a axuda de moitas persoas, empresas e entidades, porque grazas á súa implicación podemos gozar dun amplo programa de actividades. Por iso a Comisión de Festas agradece aos veciños, ás empresas, á Deputación e ao Concello de Lugo a súa colaboración coas festas da parroquia de Tirimol.

A Comisión de Festas quixo que o programa de festas fose variado, para que houbera actuacións para tódolos gustos. Porque desta maneira tódolos veciños e todos aqueles que nos visiten durante estes días poderán gozar destas festas. Ademais estades todos convidados a vir ás Festas de Tirimol, porque seguro que o pasaredes moi ben e vos divertiredes moito, porque a diversión está asegurada.

Deséxovos a tódolos meus veciños e a todos os que nos visitedes estes días que pasedes unhas BOAS FESTAS!


PROGRAMA:

Xoves, 23 de xuño:
Ás 22:00 horas Gran Churrascada e verbena amenizada pola Orquestra LOS EMPERADORES
Ás 22:30 horas queima da GRAN FOGUEIRA

Venres, 24 de xuño: DÍA DO PATRÓN
Misa Solemne e procesión ás 13:00 horas
Ás 13:45 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra ATENAS
Ás 22:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra ATENAS
Ás 22:30 horas Exhibición canina do Club de Agility AGIMEI

Sábado, 25 de xuño:
Ás 10:30 horas Pasarrúas a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne e procesión ás 13:00 horas
Ás 13:45 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra TROLE
Ás 23:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra TROLE e o Dúo ECLIPSE

Domingo, 26 de xuño:
Ás 10:30 horas Pasarrúas a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne e procesión ás 13:00 horas
Ás 13:45 horas Sesión Vermú amenizada pola Banda MURAJAZZ BIG-BAND
Ás 22:00 horas Verbena amenizada polo Dúo ARMONÍA


Haberá fogos de artificio e competicións deportivas.

13/06/11

Arde Lucus MMXI


O Arde Lucus MMXI celebrarase o venres 17, sábado 18 e domingo 19 de xuño. Durante estes tres días de festa recrearase o pasado romano da cidade de Lugo. Deste xeito do 17 ao 19 de xuño Lucus Augusti arderá de novo.

Este ano é moi especial para o Arde Lucus, porque celebramos o seu o décimo aniversario e ademais festexamos que foi declarado como Festa de Interese Turístico Galego. Levamos unha década de intensa historia, na que o Arde Lucus creceu grazas ás ilusións, á alegría e o bo humor de todas as persoas que, dun modo ou outro, participan nesta festa.

Neste Arde Lucus haberá máis de 240 actividades, actuacións e espectáculos, que conforman o programa desta nova edición da festa, que se celebrará desde este venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada polo Concello de Lugo.

Dende este momento a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderemos disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana. E como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo, porque o pasaredes moi ben.

06/06/11

A Tarxeta Cidadá


A Tarxeta Cidadá é un dispositivo intelixente multiservizo que nos permite identificarnos e facer uso dos servizos municipais dun modo rápido e sinxelo. Esta tarxeta serve para aboar o billete de autobús urbano e do futuro transporte metropolitano, co moedeiro de transporte, mediante o uso de lectores sen contacto. Tamén serve para pagar os parquímetros do sistema ORA co moedeiro de servizos mediante o uso de lectores con contacto. Ademais podes identificarte no acceso ás instalacións e para o aboamento de servizos municipais, como a reserva de pistas, bonos para piscina, etc. Progresivamente a Tarxeta Cidadá gañará versatilidade e sumará novas utilidades.

A Tarxeta Cidadá é unha iniciativa da Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo. Esta tarxeta dispón de dous moedeiros diferentes e independentes, como son o moedeiro de transporte e o moedeiro de servizos municipais. O diñeiro cargado no moedeiro de transporte servirá exclusivamente para o pagamento das viaxes nos autobuses urbanos do Concello e do futuro transporte metropolitano que xestione a Xunta. O diñeiro depositado no moedeiro de servizos municipais destinarase a aboamentos no resto de servizos municipais como a ORA, os de Deportes e os que posteriormente se incorporen ao sistema de xestión da tarxeta.

Eu soliciteina e xa teño a miña Tarxeta Cidadá, así que recoméndovos que solicitedes a vosa tarxeta, porque ten moitas vantaxes e permite unha maior comodidade e facilidade no acceso a moitos servizos municipais. A Tarxeta Cidadá solicítase concertando unha cita previa a través do teléfono 010 do Concello, onde ademais facilitarán información sobre a documentación que hai que achegar para a solicitude. Tamén se poderá solicitala dende a páxina web do Concello www.lugo.es.