23/04/10

Aparcadoiro do novo hospital

A Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva “Castelo-Rato”, como unha das entidades que forman parte da Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo “AGRUPALUGO”, puxo en coñecemento desta Agrupación a forma na que foron cedidos os terreos nos que se habilitará o aparcadoiro do novo Hospital “Lucus Augusti”, para pedir que se tomara unha opinión ao respecto deste asunto.

Ante esta información, como Presidente de AGRUPALUGO, quero manifestar que esta entidade oponse rotundamente á que haxa que pagar por utilizar o aparcadoiro do novo hospital. Parécenos que isto carece de sentido común, porque este aparcadoiro vaise a situar nuns terreos que eran veciñais e que foron cedidos gratuitamente á Xunta de Galicia.

E posto que os veciños de Lugo cedemos gratuitamente os terreos, parécenos inxusto que agora os lucenses tiveramos que pagar por aparcar nuns terreos que foron da nosa propiedade. Polo que dende AGRUPALUGO queremos mostrar a nosa oposición á idea de cobrar por aparcar no aparcadoiro dun hospital público, que dará servizo á unha gran parte da poboación da provincia de Lugo, que se verá prexudicada por esta medida, cando teña que empregar estas instalacións sanitarias.

Ademais como agradecemento á cesión gratuíta de estes terreos por parte do Concello de Lugo, así como da boa vontade dos veciños que estiveron a favor da dita cesión, parécenos erróneo que se queira cobrar por utilizar o aparcadoiro que se vai a facer e pedímoslle á Xunta de Galicia que estableza a gratuidade do aparcamento do novo hospital.

05/04/10

Reducindo a "fenda dixital"

O Alcalde de Lugo, José L. Orozco, é un firme defensor de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso e debido ás dificultades que temos moitas veces os veciños e veciñas que vivimos no rural para poder acceder a algúns servizos, como é o acceso a Internet, dende o Concello de Lugo búscanse solucións que permitan reducir as diferenzas que poidan existir entre vivir nun lugar ou vivir noutro.

E en vista de que as compañías privadas de telecomunicacións non acaban de dar unha solución a moitas persoas que viven na zona rural e que non se poden conectar a Internet, na Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo, que dirixe Luisa Zarzuela, estamos a traballar con importantes e interesantes proxectos, para reducir esta "fenda dixital" e dar a posibilidade de conectarse a Internet e de poder acceder a gran cantidade de información e servizos que ofrece.

Un deses proxectos que está a executar o Concello de Lugo e do que se fai referencia hoxe nunha noticia no xornal El Progreso, é o proxecto de extensión da Banda Larga mediante tecnoloxías WIMAX/WIFI en zonas rurais do municipio de Lugo, que permitirá que as antigas escolas rurais dispoñan de conexión a Internet. Proxecto do que xa está executada a primeira fase e do que xa se está a levar a cabo a segunda fase con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local 2010.

Destes proxectos quero destacarvos o proxecto europeo Parnet-TIC, destinado ao fomento da Sociedade da Información nos territorios rurais, por medio da e-administración e da e-participación. Parnet-TIC é un proxecto transfronteirizo no que participan 8 Administracións Públicas de España, Francia e Portugal, que pretende estimular o uso das TIC por parte da poboación e acometer as accións necesarias para estender a súa utilidade cara áreas de grande interese social, como a educación, a cultura e a administración en xeral.

Neste senso de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía o Concello de Lugo leva feito unha importante labor, xa que levou a cabo importantes iniciativas neste campo, como son o proxecto Lugo Dixital, o Blog do Alcalde, o envío de correos electrónicos ou de SMS coa información municipal, o Servizo de Información Municipal 010, o proxecto ABRED, os Encontros dixitais do Alcalde, os Cadernos de Lugo, a Aula Multimedia do Castiñeiro, o Portal web do Concello, o programa Conéctate en Lugo, a Ludus Party, ou o Portal das Asociacións.

Así que en Lugo temos que seguir por este camiño, para seguir achegando a toda a cidadanía ás Novas Tecnoloxías. Polo que dende o Concello seguiremos traballando para que toda a cidadanía teña a posibilidade de acceder a Internet, independentemente do lugar no que viva, para rematar coa "fenda dixital" que hai na nosa sociedade.