05/04/10

Reducindo a "fenda dixital"

O Alcalde de Lugo, José L. Orozco, é un firme defensor de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso e debido ás dificultades que temos moitas veces os veciños e veciñas que vivimos no rural para poder acceder a algúns servizos, como é o acceso a Internet, dende o Concello de Lugo búscanse solucións que permitan reducir as diferenzas que poidan existir entre vivir nun lugar ou vivir noutro.

E en vista de que as compañías privadas de telecomunicacións non acaban de dar unha solución a moitas persoas que viven na zona rural e que non se poden conectar a Internet, na Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo, que dirixe Luisa Zarzuela, estamos a traballar con importantes e interesantes proxectos, para reducir esta "fenda dixital" e dar a posibilidade de conectarse a Internet e de poder acceder a gran cantidade de información e servizos que ofrece.

Un deses proxectos que está a executar o Concello de Lugo e do que se fai referencia hoxe nunha noticia no xornal El Progreso, é o proxecto de extensión da Banda Larga mediante tecnoloxías WIMAX/WIFI en zonas rurais do municipio de Lugo, que permitirá que as antigas escolas rurais dispoñan de conexión a Internet. Proxecto do que xa está executada a primeira fase e do que xa se está a levar a cabo a segunda fase con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local 2010.

Destes proxectos quero destacarvos o proxecto europeo Parnet-TIC, destinado ao fomento da Sociedade da Información nos territorios rurais, por medio da e-administración e da e-participación. Parnet-TIC é un proxecto transfronteirizo no que participan 8 Administracións Públicas de España, Francia e Portugal, que pretende estimular o uso das TIC por parte da poboación e acometer as accións necesarias para estender a súa utilidade cara áreas de grande interese social, como a educación, a cultura e a administración en xeral.

Neste senso de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía o Concello de Lugo leva feito unha importante labor, xa que levou a cabo importantes iniciativas neste campo, como son o proxecto Lugo Dixital, o Blog do Alcalde, o envío de correos electrónicos ou de SMS coa información municipal, o Servizo de Información Municipal 010, o proxecto ABRED, os Encontros dixitais do Alcalde, os Cadernos de Lugo, a Aula Multimedia do Castiñeiro, o Portal web do Concello, o programa Conéctate en Lugo, a Ludus Party, ou o Portal das Asociacións.

Así que en Lugo temos que seguir por este camiño, para seguir achegando a toda a cidadanía ás Novas Tecnoloxías. Polo que dende o Concello seguiremos traballando para que toda a cidadanía teña a posibilidade de acceder a Internet, independentemente do lugar no que viva, para rematar coa "fenda dixital" que hai na nosa sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.