27/03/10

A Hora do Planeta



Hoxe celébrase A Hora do Planeta, entre as 20.30 e as 21.30, momento en que o mundo enteiro únese fronte ao cambio climático. Máis de 4.000 cidades de 125 países comprometéronse con esta iniciativa de WWF, baténdose a marca do pasado ano, coa participación dos seis continentes. En España, 186 cidades apagarán os seus edificios máis emblemáticos durante unha hora. Con tal motivo, escribo este comentario, para tratar este tema tan importante, que nos debe de facer reflexionar a todos e todas.

Neste contexto resulta fundamental estimular a concienciación sobre o medio ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. Entendendo que o cambio climático se está a converter no tema clave da nosa era. Temos que facer realidade as distintas iniciativas, así como os medios para promover unhas economías e estilos de vida sostibles e respectuosos co medio ambiente.

En Lugo o Concello mostrou a súa adhesión a esta campaña, como unha mostra máis do seu compromiso coa loita contra o cambio climático e pola defensa do medio ambiente. Polo que a Muralla, a Catedral, a Igrexa de San Froilán, o monumento do bimilenario e as fontes públicas apagarán as súas luces para tomar conciencia do problema do cambio climático e coñecer a importancia da participación de todos e todas na defensa do medio ambiente.

E dende o meu blog quero aproveitar para animarvos a que vos sumedes a esta iniciativa e durante unha hora apaguemos as luces e actúemos contra o cambio climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.