16/03/10

Presentación de AGRUPALUGO

Este sábado celebramos no Restaurante Fonte do Rei II os actos da presentación da Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo “AGRUPALUGO”. Para elo realizamos unha comida entre as distintas asociacións que formamos parte desta Agrupación, co obxectivo de dar a coñecer a nova entidade á sociedade.

E antes de falarvos deste novo proxecto, quero aproveitar para agradecerlles aos compañeiros e compañeiras das entidades que facemos posible AGRUPALUGO, a confianza que depositaron en min para ser o Presidente desta Agrupación. Tamén lles quero agradecer a todos e todas a participación neste acto, no que contamos coa presenza da Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e da Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, que viñeron en representación do Equipo de Goberno do Concello de Lugo.

Lamentablemente temos que falar dalgunhas ausencias, porque non quixeron asistir a este acto e non aceptaron a invitación que lles fixemos os representantes dos Grupos Municipais do PP e do BNG, que nin sequera tiveron deferencia de responder á invitación que lles fixemos dende a Agrupación. Pero non vou a ser eu o que entre a valorar este feito, que non atenta contra min, senón contra todas as entidades que formamos parte de AGRUPALUGO e que merecemos un respecto por parte de tódolos representantes da cidadanía.

Ademais o importante é que o acto nos axudou a coñecernos máis e a presentarnos ante a sociedade. A Agrupación integrámola as seguintes asociacións: Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal “O Castro” de Coeses; Asociacións de Veciños, Cultural e Deportiva “Castelo-Rato”; Asociación de Veciños “Río Miño” de Santiago de Meilán; e Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol.

Trátase dunha Agrupación sen ánimo de lucro, independente e plural, que traballará en beneficio das entidades que representa e da sociedade. A Agrupación respectará a propia autonomía de cada unha das asociacións que a integran nas decisións internas que adopten.

Os fins principais desta entidade serán dinamizar o traballo das entidades asociadas, o fomento do asociacionismo veciñal, a realización e promoción de actividades culturais e recreativas. Co que se pretende contribuír a unha concienciación social que fomente a participación cidadá.

Para levar a cabo estes fins a Agrupación defenderá os intereses das entidades que representa e prestaralles apoio, coordinación e colaboración. Tamén informará e asesorará de temas de interese as asociacións que a integran e programará diferentes actividades socio-culturais e deportivas, que sexan do seu interese e da sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.