08/03/10

Dedicatoria no Día da Muller

Hoxe conmemórase o Día Internacional da Muller. E neste 8 de Marzo, quero sumarme ao recoñecemento especial a Asunción Antelo Suárez, de Segufe, Coristanco (1919), que é unha muller labrega, artista, e traballadora incansable. A coñecida como a “Rexoubeira de Bergantiños” é unha muller que dedicou a súa vida a compaxinar o duro traballo no campo galego coa súa paixón, o arte.

Labrega dende moi nova, traballou arreo durante moitos anos compaxinando o duro traballo coas súas inquedanzas intelectuais e culturais que plasmou a modo de tallas e figuras de madeira, reloxos, esculturas, muíños, casas, fontes, poemas e demais obxectos que hoxe forman parte do pequeno patrimonio cultural que dende 1998 decidiu de xeito altruísta compartir coa sociedade galega. Poetisa, oleira, escultora, canteira… é un exemplo de esforzo e traballo a prol da nosa cultura polo que foi recoñecida esta “Rexoubeira de Bergantiños” como “Bergantiñá do ano” no 2006.

Polo seu traballo e esforzo autodidacta, polo seu amor á cultura galega, pola súa particular forma de ver e sentir esa realidade social que a rodeou dende 1919, polo seu altruísmo e querenza da súa terra. Por todo isto dedícolle neste día este comentario a Asunción e a tódalas mulleres. Así que de xeito especial neste día quero recoñecer a gran importancia das mulleres na nosa sociedade. Debemos seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres. Por todas elas temos que seguir traballando, para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos.

1 comentario:

  1. ainda que de cando en vez teño dubidas, cando me atopo con rapaces como tí, recupero a esperanza, e penso que a igualdade real será posible. Gracias Diego

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.