24/01/11

O Plan Lugo Emprega

O Plan de Emprego Provincial Lugo Emprega ten como obxectivo principal reducir a taxa de desemprego na provincia. Consiste na cooperación da Deputación de Lugo cos Concellos con dous obxectivos. En primeiro lugar, o de mitigar as necesidades económicas dos desempregados da provincia e favorecer a súa conexión co mercado laboral. E tamén vai contribuír a contrarrestar a diminución de ingresos que están a sufrir os Concellos.

Con este Plan a Deputación de Lugo reducirá o número de parados na provincia e aumentará a cooperación cos Concellos. Esta ambiciosa iniciativa está dotada con 8 millóns de euros, e que dará traballo a máis setecentos desempregados de todos os municipios de Lugo durante 6 meses.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que é unha boa noticia para 2011 para a redución do desemprego e cooperar cos Concellos, que son os motores da provincia. É un Plan que pola súa cuantía e ambición non ten precedentes en Galicia, e resposta ós retos do Presuposto deste ano. É unha aposta forte e decidida coa que a Deputación dá un paso ó frente para solucionar un problema tan importante como é o desemprego.

O Concello de Lugo poderá contratar 62 desempregados durante seis meses grazas ós preto de 800.000 euros que recibirá do Plan Lugo Emprega. Os postos de traballo serán 42 de peóns, 5 de auxiliares administrativos, 4 de ordenanzas, 3 de técnicos medios, 3 de dinamizadores, 3 de especialistas informáticos e 2 de delineantes.

Iniciativas coma esta demostran que tanto o Concello de Lugo como a Deputación, malia non ter competencias en materia de emprego, colaboran para tratar de paliar o problema do desemprego, porque comparten a principal preocupación que teñen neste momento os veciños.

O prazo de presentación de solicitudes no Concello de Lugo estará aberto dende hoxe luns, día 24 de xaneiro, ata o próximo venres, día 28 de xaneiro. As bases da convocatoria e o impreso de solicitude pódense consultar na páxina web do Concello de Lugo.

13/01/11

Tomadura de pelo aos gandeiros


Como Presidente de AgrupaLugo veño de criticar o total abandono ao que a Xunta de Galicia está a someter o seu compromiso coa banda ancha no medio rural de Lugo, xa que pesar de ser a Xunta quen ten a competencia nesta materia, o Goberno galego non se preocupa por levar Internet ao rural.

Son xa decenas os gandeiros que nos fixeron chegar as súas queixas sobre o funcionamento do sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras que vén de instaurar a Xunta de Galicia, e que se fai a través de Internet, xa que a inmensa maioría destes colectivos aínda non dispoñen de acceso a Internet, non podendo pois acceder a este sistema, a Xunta continúa con este sistema de traballo a poñer "o carro diante dos bois".

Ademais a aplicación informática aínda non está correctamente operativa, dando sistematicamente problemas no seu uso. Isto fai que os gandeiros que poden acceder a Internet vense obrigados a chamar ao 012, para poder solucionar as incidencias, xa que a Xunta non ofrece vías de atención directa que non impliquen custe económico para os gandeiros, que se vén obrigados a pagar do seu peto os erros da Xunta.

Dende AgrupaLugo queremos esixirlle á Xunta de Galicia que garantice a igualdade de toda a cidadanía de acceso aos dereitos e aos mesmos servizos, e solicitámoslle á Xunta que cumpra o seu compromiso de levar a banda ancha ao rural, ademais de completalo coa realización de xornadas formativas, para explicarlles aos gandeiros como teñen que utilizar a nova aplicación informática. Así mesmo, tamén solicitamos que se poida contactar co 012 a través dun número de teléfono convencional.

Pódese ver a noticia nesta páxina.

07/01/11

3 anos co blog e 150 posts

Hoxe fai tres anos que comecei a escribir no meu blog e este é xa o post número 150 que escribo neste espazo persoal, no que comparto con vos as miñas vivencias e as miñas opinións sobre distintos temas. Pretendendo que este espazo sexa unha fiestra aberta ao mundo, coa que poder compartir as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a opinión dos lectores.

Quero celebrar que xa levo 3 anos con este blog e escritos 150 comentarios, escribindo e publicando este post. E quero comezar cunhas verbas de felicitación para todos e todas, desexándovos que pasedes un próspero 2011 e recibide os meus mellores desexos para este novo ano.

Cando fai uns días que comezou o ano 2011, sigo escribindo neste blog dende fai tres anos con todas as forzas e a ilusión, como o primeiro día que o comecei. Dende aquel día moitas cousas pasaron, algunhas das cales fun compartindo con vos neste espazo.

No ano 2011 cúmprese o décimo aniversario do Ano Internacional do Voluntariado, motivo polo cal o Centro Europeo do Voluntariado declarou este ano como Ano Europeo do Voluntariado. O 2011 tamén foi declarado pola ONU como o Ano Internacional dos Bosques.

E teño o presentimento de que este será un gran ano, porque nos traerá boas novas e importantes acontecementos, que nos axudarán a mellorar e ese é o meu desexo para o 2011. De seguro que neste novo ano que comezou fai uns días me esperan moitos máis momentos que vivir. O 2011 acaba só de comezar e quédame moito máis que compartir con vos no meu blog.