13/01/11

Tomadura de pelo aos gandeiros


Como Presidente de AgrupaLugo veño de criticar o total abandono ao que a Xunta de Galicia está a someter o seu compromiso coa banda ancha no medio rural de Lugo, xa que pesar de ser a Xunta quen ten a competencia nesta materia, o Goberno galego non se preocupa por levar Internet ao rural.

Son xa decenas os gandeiros que nos fixeron chegar as súas queixas sobre o funcionamento do sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras que vén de instaurar a Xunta de Galicia, e que se fai a través de Internet, xa que a inmensa maioría destes colectivos aínda non dispoñen de acceso a Internet, non podendo pois acceder a este sistema, a Xunta continúa con este sistema de traballo a poñer "o carro diante dos bois".

Ademais a aplicación informática aínda non está correctamente operativa, dando sistematicamente problemas no seu uso. Isto fai que os gandeiros que poden acceder a Internet vense obrigados a chamar ao 012, para poder solucionar as incidencias, xa que a Xunta non ofrece vías de atención directa que non impliquen custe económico para os gandeiros, que se vén obrigados a pagar do seu peto os erros da Xunta.

Dende AgrupaLugo queremos esixirlle á Xunta de Galicia que garantice a igualdade de toda a cidadanía de acceso aos dereitos e aos mesmos servizos, e solicitámoslle á Xunta que cumpra o seu compromiso de levar a banda ancha ao rural, ademais de completalo coa realización de xornadas formativas, para explicarlles aos gandeiros como teñen que utilizar a nova aplicación informática. Así mesmo, tamén solicitamos que se poida contactar co 012 a través dun número de teléfono convencional.

Pódese ver a noticia nesta páxina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.