30/09/11

San Froilán 2011


Do 4 ao 12 de outubro Lugo está de festa, porque celebramos as festas do San Froilán. Durante estes nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos participar nun amplo programa festivo, con actividades para tódolos gustos. Trátase dunhas festas que conxugan a tradición coa modernidade, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Estas festas están organizadas polo Concello de Lugo e permítennos disfrutar de moitas actividades, como asistir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, ver competicións deportivas, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os máis pequenos teñen o San Froilán Miúdo cunha morea de actividades para eles.

Ademais haberá moita animación polas rúas a cargo de grupos do máis diverso e de distintos estilos que actuarán por barrios como A Milagrosa, A Cheda, O Sagrado Corazón, Fingoi, A Piringalla ou A Residencia dende o 4 ao 12 de outubro. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a gozar destas festas.

Que o pasemos moi ben e que todos e todas teñamos unhas felices festas!

28/09/11

Os recortes do PP



Como podemos ver neste vídeo, o PP está intentando desmontar o Estado de Benestar naquelas comunidades autónomas e concellos onde goberna, realizando recortes en educación, dependencia e sanidade. Exemplos destes recortes do PP son os recortes educativos na Comunidade de Madrid, recortes sanitarios na Comunidade de Castela-A Mancha; a desaparición da gratuidade nos libros de texto en Galicia ou os recortes que nos anuncian para mañá en Baleares.

En Galicia co Goberno de Feijóo temos varios exemplos de recortes do PP en dereitos adquiridos pola cidadanía, como o desmantelamento dos Plans de Cooperación cos concellos, a eliminación de prazas docentes en primaria e a redución do 30% dos docentes das escolas oficiais de idiomas, ou a anulación de obras de abastecemento e rexeneración dos ríos en Ferrol, Padrón e Rodeiro. E neste contexto todos e todas nos preguntamos que ten pensado o PP para España?

O PP debe aclarar os seus plans, porque dá a impresión de que están preparando un desguace do Estado do Benestar e convén que se saiba. O pouco que explicou o PP para o Goberno de España referiuse ao copagamento sanitario, a modificación das leis de ampliación de dereitos, a supresión da gratuidade do ensino obrigatorio. Ademais, con isto podemos ver que non todos os partidos políticos responden igual ante a crise mundial.

19/09/11

Diálogos en Red



O PSOE con Rubalcaba ten a participación cidadá como un dos seus trazos característicos, forma parte do seu ADN; por iso fóronse desenvolvendo propostas de participación nos diferentes Concellos gobernados polos socialistas, e tamén intentamos abrir o partido á cidadanía.

A sociedade está a demandar, cada vez máis intensamente, máis e mellores formas de participación social e política; a cidadanía quere votar, pero tamén quere achegar ideas, solucións aos seus problemas, opinións, valoración das iniciativas políticas... En definitiva un maior compromiso e influencia cidadá nos asuntos públicos.

Hoxe grazas ás Tecnoloxías da Información, o PSOE pode mellorar os mecanismos de participación, pero tamén de transparencia, na nosa propia organización política. Presentamos Diálogos en Red, que é un sistema de participación e debate on-line. Diálogos en Red pretende converterse nunha ferramenta na que quen o desexe poida: propoñer, opinar, valorar, debater, conversar sobre as propostas políticas.

O PSOE con Rubalcaba está moi interesado en Escoitar, en Facer e en Explicar; por iso queremos que na nosa próxima Conferencia Política cidadáns e cidadás e colectivos sociais, poidan valorar e debater sobre as propostas que serán as liñas base do noso programa electoral; para iso utilizaremos Diálogos en Red como un espazo que che permita facer propostas que se poidan ter en conta para o programa electoral do PSOE.

05/09/11

Un compromiso coa accesibilidade


Cando os meus veciños me elixiron para formar parte da Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Tirimol como Secretario tiven un soño, que era conseguir que o Centro Social de Tirimol fose accesible para todos e todas. Soñei que algún día conseguiríamos eliminar as barreiras arquitectónicas que lles impiden a persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida entrar ao Local Social que temos na nosa parroquia e que é propiedade dos veciños e dende a nosa asociación nos encargamos da súa xestión.

Por iso no ano 2007 púxenme en contacto coa Asociación Auxilia, porque estaban levando a cabo unha campaña conxunta que realizan co Concello de Lugo, para concienciar e informar sobre a accesibilidade no noso municipio. E veu a visitarnos o seu Coordinador Local, Manuel Piñeiro, para comprobar a accesibilidade das nosas instalacións. Polo que lles queremos agradecer ao Concello de Lugo e a Auxilia a atención que nos prestaron para axudarnos e indicarnos os aspectos nos que temos que traballar para lograr a accesibilidade.

E estou moi contento, porque podo dicirvos que ese soño que tiña pronto deixará de selo, porque a accesibilidade do Centro Social de Tirimol vai a ser unha realidade grazas ao apoio da Deputación de Lugo, a través do Plan de Axudas a Comunidades Veciñais do 2011, e ao apoio da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Xuventude do Concello de Lugo, que fixo posible que xa teñamos uns baños totalmente accesibles e adaptados a persoas con diversidade funcional.

E nestes momentos estamos a levar a cabo un proxecto de accesibilidade destas instalacións, debido ao que imos a facer unhas ramplas de acceso para o Centro Social de Tirimol, entre outras actuacións. Porque estamos convencidos de que calquera veciño debe de ter dereito a acceder ás instalacións, sen atoparse ningún tipo de atranco que llo impida. Polo que estamos a traballar para que as nosas instalacións sexan accesibles para todos e todas o antes posible.

Temos que ter en conta que calquera persoa pode ter dificultades de mobilidade nalgún momento da súa vida, por exemplo cando somos maiores, ou se temos un accidente. Por iso debemos de pensar en todos e todas, facilitando o acceso a unhas instalacións veciñais en igualdade de condicións.