05/09/11

Un compromiso coa accesibilidade


Cando os meus veciños me elixiron para formar parte da Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Tirimol como Secretario tiven un soño, que era conseguir que o Centro Social de Tirimol fose accesible para todos e todas. Soñei que algún día conseguiríamos eliminar as barreiras arquitectónicas que lles impiden a persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida entrar ao Local Social que temos na nosa parroquia e que é propiedade dos veciños e dende a nosa asociación nos encargamos da súa xestión.

Por iso no ano 2007 púxenme en contacto coa Asociación Auxilia, porque estaban levando a cabo unha campaña conxunta que realizan co Concello de Lugo, para concienciar e informar sobre a accesibilidade no noso municipio. E veu a visitarnos o seu Coordinador Local, Manuel Piñeiro, para comprobar a accesibilidade das nosas instalacións. Polo que lles queremos agradecer ao Concello de Lugo e a Auxilia a atención que nos prestaron para axudarnos e indicarnos os aspectos nos que temos que traballar para lograr a accesibilidade.

E estou moi contento, porque podo dicirvos que ese soño que tiña pronto deixará de selo, porque a accesibilidade do Centro Social de Tirimol vai a ser unha realidade grazas ao apoio da Deputación de Lugo, a través do Plan de Axudas a Comunidades Veciñais do 2011, e ao apoio da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Xuventude do Concello de Lugo, que fixo posible que xa teñamos uns baños totalmente accesibles e adaptados a persoas con diversidade funcional.

E nestes momentos estamos a levar a cabo un proxecto de accesibilidade destas instalacións, debido ao que imos a facer unhas ramplas de acceso para o Centro Social de Tirimol, entre outras actuacións. Porque estamos convencidos de que calquera veciño debe de ter dereito a acceder ás instalacións, sen atoparse ningún tipo de atranco que llo impida. Polo que estamos a traballar para que as nosas instalacións sexan accesibles para todos e todas o antes posible.

Temos que ter en conta que calquera persoa pode ter dificultades de mobilidade nalgún momento da súa vida, por exemplo cando somos maiores, ou se temos un accidente. Por iso debemos de pensar en todos e todas, facilitando o acceso a unhas instalacións veciñais en igualdade de condicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.