30/09/11

San Froilán 2011


Do 4 ao 12 de outubro Lugo está de festa, porque celebramos as festas do San Froilán. Durante estes nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos participar nun amplo programa festivo, con actividades para tódolos gustos. Trátase dunhas festas que conxugan a tradición coa modernidade, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Estas festas están organizadas polo Concello de Lugo e permítennos disfrutar de moitas actividades, como asistir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, ver competicións deportivas, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os máis pequenos teñen o San Froilán Miúdo cunha morea de actividades para eles.

Ademais haberá moita animación polas rúas a cargo de grupos do máis diverso e de distintos estilos que actuarán por barrios como A Milagrosa, A Cheda, O Sagrado Corazón, Fingoi, A Piringalla ou A Residencia dende o 4 ao 12 de outubro. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a gozar destas festas.

Que o pasemos moi ben e que todos e todas teñamos unhas felices festas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.