22/12/10

Boas Festas e Feliz 2011


Para ampliar a postal hai que premer na imaxe.

Con esta postal quero desexarvos a todos e todas unhas Boas Festas e un Feliz 2011, agardando que o novo ano veña cargado de ilusión, felicidade e prosperidade. A imaxe da postal é dun atardecer dende o adarve da Muralla de Lugo.

Un ano máis dende o meu blog escribo para compartir con vos as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a vosa opinión como lectores. E agardo que no 2011 sigades visitando e participando neste blog.

Eu volverei a estar con vos no meu blog con todas as forzas e a ilusión no ano novo despois destas festas. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!

17/12/10

A Xunta non leva Internet ao rural

A Xunta de Galicia está a esquecerse totalmente da súa competencia de despregar a banda ancha no medio rural de Lugo. A pesar de que é a Xunta quen ten competencia nesta materia, o Concello de Lugo está a facer o esforzo de levar Internet ó rural, porque non o fai o Goberno galego.

Ademais dende a Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo estamos a levar a cabo unha interesante iniciativa, para achegar as novas tecnoloxías ás zonas rurais de Lugo. Unha iniciativa que realizamos con actividades formativas, que teñen lugar nos telecentros das parroquias da zona rural do municipio, e están incluídas no Proxecto europeo PARNET-tic.

E mentres eu me pregunto onde están os 232 millóns de euros que Feijóo dixo que vai dedicar, para que o 94% dos galegos teñan acceso á banda ancha no ano 2013 e encima dixo que é urxente, e na provincia de Lugo a porcentaxe será aínda máis baixa, do 86%. Por desgraza o que nos indican os datos é que quen ten a competencia nesta materia, que é a Xunta, non está a realizar o traballo que lle corresponde.

E aínda é peor que a Xunta está a prexudicar gravemente aos gandeiros galegos, porque recentemente acaba de establecer un novo sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras, que se fai a través de Internet. Cando a inmensa maioría dos gandeiros galegos se están a queixar, porque non dispoñen de acceso a Internet e non poden acceder a este sistema, a Xunta continúa con este disparate, porque está a poñer o carro diante dos bois.

Aínda así, o Concello de Lugo quere que todos os veciños e veciñas sexan iguais e teñan os mesmos servizos, por iso está facendo un esforzo neste tema e xa son 8 os telecentros que dispoñen de wifi e está adxudicada a instalación noutros 13, co que serán 21 os que dispoñan do servizo por iniciativa deste Concello, con cartos do Concello e coa segunda fase do Plan E e mentres eu me pregunto: onde está a Xunta?

06/12/10

A xestión dos residuos en Tirimol

Dende a Asociación Veciñal de Tirimol, en colaboración co Concello de Lugo, levaremos a cabo unha campaña para mellorar a xestión dos residuos domésticos e de fomento da reciclaxe entre os veciños e veciñas da parroquia, baixo o lema “Ter Tirimol limpo é cousa de todos, colabora”. Esta campaña persigue garantir a conservación medioambiental da parroquia e do seu contorno, mellorando desde xeito a calidade de vida dos veciños e veciñas de Tirimol.

Co obxecto de facilitar unha maior información aos veciños de como poden reciclar os distintos residuos que se xeran nos seus fogares, dende a Asociación Veciñal de Tirimol, contando coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente e Zona Rural do Concello de Lugo, editamos unha folla informativa sobre a xestión do lixo en Tirimol. A folla informativa, da que realizamos máis de cen exemplares, repartirase a tódolos veciños de Tirimol, para que estas prácticas sexan tidas en conta nos seus fogares ou ben na súa actividade laboral.

A campaña de sensibilización está encamiñada a unha maior concienciación da cidadanía co tema dos residuos. Esta preocupación polo maior coñecemento da xestión dos residuos en Tirimol foi unha iniciativa da Asociación Veciñal de Tirimol, que contou co apoio da Concellería de Medio Ambiente e Zona Rural do Concello de Lugo, materializándose nesta campaña informativa, que ten como obxectivo principal, fomentar a recollida selectiva e a correcta xestión dos residuos nos fogares.

Por estes motivos nesta folla infórmase de que o Concello de Lugo pon a disposición dos veciños distintos contedores para depositalo lixo en Tirimol. Hai un Punto Verde situado no Campo Público de Seivane (preto da Igrexa Parroquial). Este Punto dispón dos seguintes contedores: amarelo, azul, verde e gris. Neste lugar realízase a recollida selectiva do lixo. Tamén hai varios contedores amarelos, distribuídos por distintos lugares da parroquia. E hai máis de 40 contedores grises, que están distribuídos por toda a parroquia. Ademais recentemente instaláronse papeleiras no Campo da Festa (situado na Pista Polideportiva) e un contedor para uso do Centro Social, para mellorar a limpeza nestas instalacións veciñais. E tamén se poñen contedores para festas, que son postos durante os días que se celebran as distintas festas na parroquia.

A continuación podes descargar o ducumento: folla informativa da campaña.