17/12/10

A Xunta non leva Internet ao rural

A Xunta de Galicia está a esquecerse totalmente da súa competencia de despregar a banda ancha no medio rural de Lugo. A pesar de que é a Xunta quen ten competencia nesta materia, o Concello de Lugo está a facer o esforzo de levar Internet ó rural, porque non o fai o Goberno galego.

Ademais dende a Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo estamos a levar a cabo unha interesante iniciativa, para achegar as novas tecnoloxías ás zonas rurais de Lugo. Unha iniciativa que realizamos con actividades formativas, que teñen lugar nos telecentros das parroquias da zona rural do municipio, e están incluídas no Proxecto europeo PARNET-tic.

E mentres eu me pregunto onde están os 232 millóns de euros que Feijóo dixo que vai dedicar, para que o 94% dos galegos teñan acceso á banda ancha no ano 2013 e encima dixo que é urxente, e na provincia de Lugo a porcentaxe será aínda máis baixa, do 86%. Por desgraza o que nos indican os datos é que quen ten a competencia nesta materia, que é a Xunta, non está a realizar o traballo que lle corresponde.

E aínda é peor que a Xunta está a prexudicar gravemente aos gandeiros galegos, porque recentemente acaba de establecer un novo sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras, que se fai a través de Internet. Cando a inmensa maioría dos gandeiros galegos se están a queixar, porque non dispoñen de acceso a Internet e non poden acceder a este sistema, a Xunta continúa con este disparate, porque está a poñer o carro diante dos bois.

Aínda así, o Concello de Lugo quere que todos os veciños e veciñas sexan iguais e teñan os mesmos servizos, por iso está facendo un esforzo neste tema e xa son 8 os telecentros que dispoñen de wifi e está adxudicada a instalación noutros 13, co que serán 21 os que dispoñan do servizo por iniciativa deste Concello, con cartos do Concello e coa segunda fase do Plan E e mentres eu me pregunto: onde está a Xunta?

1 comentario:

  1. A Xunta non leva internet ó rural, pero o PSOE adícase a propostas como a de cerrar webs sin precisar a intervención de un xiuz, que seo si que é democrático.

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.