27/03/13

Exemplos de boa xestión económica


Esta semana coñecemos varios datos que reflicten a boa xestión económica que están a realizar os gobernos da Deputación Provincial e do Concello de Lugo. Isto permite que o Goberno local e o provincial están aplicando recortes á débeda, pero non ás políticas sociais, como fan os Gobernos de Rajoy e Feijóo. O que demostra que hai outra maneira de gobernar e de xestionar o diñeiro das administracións públicas.

O Concello de Lugo acabou o exercicio de 2012 con máis de 13,5 millóns de euros de superávit e dispón dun remanente de tesourería de 21,5 millóns. Deste xeito o Concello cumpriu así o Plan de estabilidade e non ten que facer ningún axuste xa que, de novo, acabou o ano con saldo favorable, nun momento no que moitas administracións teñen dificultades económicas. Estas cifras veñen demostrar como se xestionan os cartos nesta administración e tamén son proba de que se fixo un presuposto ben deseñado, axustado á realidade de ingresos e gastos do Concello e desmenten as acusacións de que estaba inflado.

O resultado orzamentario de 2012 foi de 13.508.525 euros de superávit. Este saldo positivo é o resultado duns dereitos recoñecidos que ascenderon a 84.997.000 euros e unhas obrigas por importe de 78.105.000 euros. Este superávit nas contas municipais de 2012 supón que o Concello de Lugo dispoña dun remanente de tesourería por importe de 21.580.000 euros. A liquidación orzamentaria de 2012 foi presentada na Comisión especial de Contas do Concello como paso previo á súa aprobación na sesión plenaria que vai celebrar o vindeiro luns a Corporación municipal

Mentres o Pleno provincial aprobou este martes unha nova redución da débeda financeira da Deputación de Lugo por valor de 3,5 millóns de euros, que se suman aos 10 que xa estaban previstos no Orzamento de 2013. Deste xeito, con estes 13,5 millóns, conseguiuse situar o endebedamento da Deputación ao finalizar este 2013 nos 37,5 millóns de euros e, dende que entrou este Goberno provincial, hai 6 anos, rebaixouno en 52,2 millóns de euros, o que supón un 60%. Todo isto grazas a unha boa xestión, responsable e eficaz, na que combinou políticas de crecemento, que potencian o emprego e o benestar, con outras de contención do gasto.

Neste 2013 a Deputación de Lugo non ten que solicitar ningunha operación de crédito, polo que, por segundo ano consecutivo, conseguiuse endebedamento financeiro cero. En canto á execución orzamentaria do 2012, os informes de liquidación determinan que acadouse un 80%, un nivel moi satisfactorio, que supera en 10 puntos ó rexistrado na Deputación da Coruña, a única galega que, xunto á de Lugo, fixo público por agora o seu informe de liquidación do pasado ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.