08/03/13

Día Internacional das Mulleres


Hoxe conmemóramos o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Así que de xeito especial neste día quero recoñecer a gran importancia das mulleres na nosa sociedade. Porque a plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo teñen que ser sempre obxectivos prioritarios de toda a sociedade.

Desgraciadamente na actualidade as reformas e decisións tomadas a cabo polo Partido Popular agravan día tras día a situación familiar e laboral das mulleres, as grandes prexudicadas por estas políticas inxustificadas. Por iso é inadmisible este ataque directo aos dereitos da muller que está a levar a cabo o Goberno, poñendo a crise como escusa

Deste xeito súmome ás reivindicacións desta data e estou convencido de que este 8 de marzo, temos que celebrar todo o que queda por conseguir e que non queremos retroceder, porque froito do esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Temos que seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.

Xuntos temos que seguir traballando para conseguir a Igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando no camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos. Porque levamos moitos anos reivindicando a Igualdade e avanzando moito, pero este 8 de marzo celebramos todo o que queda por conseguir e que non queremos retroceder nin un só paso atrás.

Hoxe e os 365 días do ano loitemos todos e todas pola Igualdade! Feliz Día das Mulleres!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.