20/12/12

Necesitamos Hemodinámica en Lugo


Dende a Agrupación de Asociación de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) criticamos que Lugo aínda sexa a única provincia galega que non teña en funcionamento unha unidade de Hemodinámica, porque dende que se inaugurou o Hospital Universitario Lucus Augusti segue pechada a ubicación destinada para esta unidade.

Ademais no momento en que se inaugurou o HULA explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria, pero isto a AgrupaLugo parécelle un engano, mentres se continúe sen prestar un servizo imprescindible como o de Hemodinámica.

Dende AgrupaLugo parécennos moi alarmantes os datos que deron a coñecer os especialistas nesta materia, indicando que a mortalidade de pacientes con infarto de miocardio en Lugo dobra a de áreas como a da Coruña, Santiago ou Vigo pola ausencia de sala de Hemodinámica.

Nestes momentos a mortalidade nos pacientes con infartos de miocardio está a ser moito máis alta na provincia de Lugo, porque hai que trasladar aos pacientes, o que retrasa moito o tempo para atender este tipo de problemas médicos.

Ademais destacamos que segundo os datos facilitados o SERGAS está gastando máis de medio millón de euros ao ano nos traslados dos pacientes ao Hospital da Coruña. Mentres que poñer en marcha a unidade de Hemodinámica do HULA custaría sobre uns 150.000 euros, o que supón un aforro considerable e evitar traslados que poñen nun en risco a vida dos pacientes.

Polo tanto, se o SERGAS quere ser austero, a mellor opción é poñer en marcha a Unidade de Hemodinámica no HULA, porque se aforraría unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo solicitaráselle por escrito ao Presidente da Xunta de Galicia e á Conselleira de Sanidade a apertura da Unidade de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Para máis información podedes escoitar a entrevista que me fixeron no programa "Hoy por Hoy Lugo" de Radio Lugo - Cadena Ser sobre este asunto e outros temas de actualidade.

2 comentarios:

  1. Boas, Diego, Cómo vai o tema? hai ou non hai hemodinámica? E do servicio de radioterapia e mediciña nuclear, nada, non?

    Un saúdo, Sonsoles

    ResponderEliminar
  2. Boas Sonsoles,

    De momento non nos responderon á petición por escrito que lles fixemos dende AgrupaLugo ao Presidente da Xunta e á Conselleira de Sanidade. O único que sabemos é a información que sae nos medios de comunicación, onde figura que poñerán en marcha Hemodinámica no HULA, pero non concretan se prestarán ese servizo as 24 horas do día. En canto a Radioterapia e Medicina Nuclear explicaron que non están avanzados os trámites para poñer en marcha eses servizos.

    Así que dende AgrupaLugo seguiremos realizando as accións que sexan necesarias ata conseguir dispoñer destes tres servizos sanitarios no Hospital Universitario Lucus Augusti. O obxectivo de todas estas accións será o de seguir mobilizando á sociedade lucense e solicitar o maior número de apoios nun asunto prioritario para a provincia de Lugo.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.