12/05/08

Reforma do Regulamento de Participación Cidadá

A Lei 57/2003, de 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, fai que haxa que reformar o actual Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo para adaptalo a esta normativa vixente. E por este motivo o xoves pasado constituíse a Comisión encargada de elaborar e propoñer un novo regulamento, da que eu formo parte, xa que fun elixido por varias asociacións non federadas para que sexa o seu representante nesta Comisión. Nela participamos un representante do Goberno, un representante de cada un dos grupos que conforman a Corporación Municipal (PSdeG-PSOE, PP e BNG), os representantes do tecido asociativo (un representante da Federación de Asociacións de Veciños, un representante da Unión de Asociacións Veciñais e un representante de asociacións non federadas) e un funcionario municipal encargado da participación cidadá.

E quero felicitar ao Equipo de Goberno do Concello de Lugo por darnos esta posibilidade de participar nesta Comisión ás asociacións que nos estamos federadas. Porque dende o respecto que me merecen ás dúas federacións que hai en Lugo, teño que dicir que non nos representaban a moitas asociacións deste concello que non estamos federadas. E creo que esta razón non debe de impedir a nosa participación como representantes dos nosos asociados, que tamén son veciños e veciñas de Lugo que teñen dereito a que a ser escoitados e a participar nestas decisións que tamén lles afectan.

E tamén lles quero agradecer o apoio e a confianza que depositaron en min os meus compañeiros e compañeiras de varias asociacións non federadas para que as represente, e ás que lles quero indicar que traballarei dende a responsabilidade e escoitando a todas estas asociacións e trasladando a esta Comisión ás súas suxestións. Así que deste xeito poderemos expresar a nosa voz e colaborar na elaboración dun texto tan importante como é este Regulamento, o que é un elemento que fortalece a democracia e que fai máis representativas as decisións que se tomen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.