30/01/12

A Muralla de Lugo abandonada pola Xunta

Foi o 30 de novembro do 2000 cando tivo lugar un dos momentos máis importantes da historia moderna de Lugo: a concesión pola UNESCO do título de Patrimonio Mundial á Muralla Romana de Lugo. Esta distinción marcou un antes e un despois na forma de pensar dos lucenses, na autoestima e o orgullo dunha sociedade que avanzaba cara o século XXI. Pero desgraciadamente na actualidade temos que ver como a Xunta de Galicia está a desprezar o valor do monumento e o significado que ten para tódolos lucenses e as persoas que nos visitan.

Como podemos ver nesta fotografía a Xunta de Galicia ten abandonada a Muralla de Lugo, o monumento máis representativo da nosa cidade e que é Patrimonio da Humanidade. A titularidade deste monumento é da Xunta, a través da Consellería de Cultura, que é a administración responsable do seu mantemento e conservación.

O estado no que se atopa a Muralla é pésimo, porque a Xunta non realizou un mantemento das luminarias e a limpeza do adarve. Deste xeito estase a cubrir de herba e non conta cunha boa iluminación para poder pasear polo adarve cando anoitece. A imaxe que estamos a ver os lucenses e os turistas que nos visitan é de abandono e de falta de sensibilidade ante un monumento tan significativo.

É lamentable que a Xunta teña tan descoidada a Muralla. Por iso o Concello de Lugo e os lucenses xa levamos moito tempo reclamándolle á Consellería de Cultura que asuma as súas responsabilidades e que proceda o antes posible a realizar as labores de limpeza e mantemento, para que a Muralla de Lugo volva a lucir todo o seu esplendor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.