14/01/12

Almorzos Saudables

O Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, presentou a novena edición da campaña Almorzos Saudables. Trátase dunha iniciativa do Concello de Lugo para fomentar que os máis pequenos almorcen dun xeito saudable, que este ano se achegará a 2.000 nenos e nenas lucenses de entre seis e oito anos de 23 centros escolares públicos, privados e concertados.

Na campaña dos Almorzos Saudables tamén colabora a Asociación Galega de Nutricionistas e Dietistas a través de información para presentarlles aos nenos e nenas a pirámide nutricional, os tipos de alimentos e para que aprendan desde novos a comer equilibradamente.

Os obxectivos desta campaña, que dará comezo o vindeiro luns día 16 de xaneiro, son conseguir que os rapaces almorcen e ademais que o fagan do xeito máis saudable, é dicir, cun produto lácteo, que será fresco do día e que aportará a Gandería Quintián, froita, iogures e zumes de Eroski Center, e cereais ou pan de Ingapan. Como novidade este ano introdúcese o mel natural que aportan a Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

Polo tanto, esta campaña do Concello de Lugo tenta complementar as ensinanzas sobre alimentación saudable que imparten os profesores durante todo o ano.

Nas enquisas que se fixeron dende o Concello de Lugo apreciouse unha redución notable do consumo de produtos con alto índice de contido graso. Dende a Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, destacouse que nestes anos puido verse unha evolución positiva nos hábitos alimentarios dos máis pequenos. Así, e tendo en conta os datos recollidos no ano 2004 aos nenos e nenas sobre as súas costumes no almorzo, pode facerse un bo balance. No ano 2010, un 1,4% dos nenos enquisados non almorzaban nada fronte ao 4,59% dos nenos non o facían no 2004. Outro dato salientable é a redución en 3,6 puntos no consumo de produtos de bollería, pasando de un 15,8% en 2004 a un 12,2% en 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.