14/04/12

Día da República


Hoxe celébrase o día da República, porque o 14 de abril de 1931 proclamábase a Segunda República Española, sendo Éibar a primeira cidade na que se izaba a bandeira tricolor. E eu quero recordar esta data polo significado que tivo, porque tróuxonos dereitos tan evidentes e fundamentais desde a nosa perspectiva actual como o sufraxio feminino.

Dende ese momento e ata o estoupido da Guerra Civil xa non houbo pobo deste ou doutro rei, senón cidadáns. Xa non houbo máis príncipes nin princesas e si un único soberano: o pobo. A xustiza, a liberdade, a igualdade, a fraternidade entre os pobos... son principios que impregnan o ideario político dos e das cidadáns de esquerdas.

Foi unha loita pola consecución dos valores republicanos da Constitución de 1931, uns valores que seguen vivos e que defenden unha democracia mellor. Así que hoxe quero despedirme co cálido saúdo daqueles republicanos do 31: "Saúde e República".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.