25/08/10

O rural achégase ás Novas Tecnoloxías

A rede de Telecentros Rurais do Concello de Lugo consta na actualidade con oito sedes, situadas nas antigas escolas rurais de: Coeses, Calde, Castelo, O Veral, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda, Santa Comba e San Pedro de Mera. Estes telecentros están dotados coa última tecnoloxía, unha rede de banda ancha WiMAX/Wifi.

Ante a boa acollida dos veciños das zonas rurais lucenses, o Concello de Lugo está a ampliar esta rede de Telecentros con doce sedes máis; así os futuros telecentros estarían situados nas parroquias de: Adai, Barbaín, Bocamaos, O Burgo, Camoira, Pedreda, Poutomillos, Rubiás, Saá, San Xoán do Alto, Vilachá de Mera e Meilán.

Con esta iniciativa o Concello de Lugo pretende achegar aos veciños da zona rural de Lugo, o uso das Novas Tecnoloxías. Para lograr este labor configurouse o proxecto PARNET-TIC, un proxecto transfronteirizo para fomentar a sociedade de información, que contribuirá con interesantes actividades de diverso índole (informativas, formativas, lúdicas...) a mostrarlles aos cidadáns da zona rural lucense as vantaxes da utilización da tecnoloxía TIC nas súas prácticas diarias, así como achegar a administración electrónica (e-administración) aos máis de 3.685 veciños que se beneficiarán da devandita iniciativa.

Dentro do proxecto PARNET-TIC, dous titores TIC, seremos os encargados de fomentar a Sociedade da Información nos territorios rurais, fomentando o uso da e-administración e a e-participación. E podedes atopar máis información no cuarto número do boletín electrónico mensual de PARNET-TIC, que acabamos de publicar, onde dun xeito próximo, recollemos as actividades levadas a cabo polo Proxecto así como un breve adianto de eventos futuros e outro tipo de actos que poidan resultar de interese e que teñan que ver coa temática TIC e a Administración Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.