10/12/08

Propostas de IESGA para a nosa facultade

O 17 de decembro celebraranse eleccións a representantes nas xuntas de centro (facultades e escolas) na Universidade de Santiago. Unhas eleccións ás que me presento como candidato por IESGA a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

En IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) non existen ideas pechadas, defendemos unha universidade pública e de calidade, na que a voz do estudantado sexa escoitada, na que as nosas propostas poidan chegar aos órganos de decisión desta universidade.

As propostas para a nosa facultade son:
  • Establecer unha sala de estudo e salas de traballo na facultade.
  • Habilitación das aulas baleiras en tempada de exames como salas de estudo.
  • Revisión inmediata das distintas instalacións da facultade para mellorar e arranxar as deficiencias que existen na actualidade.
  • Adaptación de todas as instalacións da facultade ás necesidades de todos/as os/as estudantes e traballadores/as con discapacidades.
  • Creación dunha cafetería na facultade.
  • Establecemento dun protocolo para que se informe con tempo cando falte algún profesor/a.
  • Servizo de asesoramento ao estudantado de primeiro curso, espazos de información na facultade na primeira semana/primeiro mes de curso.
  • Información sobre os asuntos que se tratan nos órganos de goberno e que se lles dea difusión na facultade.
  • Maior número de prácticas en empresas e institucións públicas en condicións laborais dignas e cun seguimento efectivo das tarefas realizadas e a súa adecuación á materia.
  • Dotar á facultade dun servizo de préstamo e intercambio de apuntamentos entre o estudantado.
  • Creación dun mercado de libros usados para os/as alumnos/as xestionado polas asociacións de estudantes.
  • Instalar un punto verde con contedores para reciclar os distintos residuos.
  • Minimizar o número de residuos que se xeran na facultade, mediante a reutilización, a recuperación e a reciclaxe.
  • Fomento dunha maior utilización do papel reciclado na facultade.
  • Facilitar o uso das novas tecnoloxías aumentando o horario da aula de informática e dotándoa da infraestrutura suficiente para que proporcione un mellor servizo.
  • Fomento do Software libre nos equipos informáticos da facultade.
  • Dotación dos medios tecnolóxicos necesarios para que os labores docentes posúan a calidade adecuada, como a adquisición de un ordenador por aula (o que evitaría o retraso provocado ao ter que ir os profesores a buscalo á conserxería).
  • Instauración de titorías virtuais na facultade.
  • Mellora da web da facultade con máis contidos para os estudantes.
  • Publicación das notas provisionais, horario de revisión e notas definitivas en internet e por SMS de modo obrigatorio para todo o profesorado, nos mesmos prazos que nos taboleiros.

1 comentario:

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.