13/03/12

A Reserva da Biosfera Terras do Miño

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou estes luns en rolda de prensa o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha convocatoria coa que pretende difundila riqueza deste espazo natural e as oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que leva consigo, ademais de dinamizalo sector turístico atraendo visitantes á provincia. De xeito complementario, a Deputación organiza un programa de exposicións fotográficas pola provincia sobre este espazo protexido, que se inaugura este mesmo xoves en Lugo e Viveiro, e o venres en Ribas do Sil. Con estas dúas iniciativas a Deputación de Lugo continúa coa conmemoración do 10º aniversario da declaración de Terras do Miño, Reserva da que é a máxima responsable.

As fotografías a concurso poden entregarse ata o 27 de marzo nun sobre pechado no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos. As imaxes deberán tomarse no territorio da Reserva Terras do Miño; terán a auga como fío condutor e poderán orientarse nas seguintes temáticas: auga, natureza, patrimonio cultural e etnográfico, tradicións, gastronomía, e oficios e artesanía. Terras do Miño comprende 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Polo tanto, as imaxes terán que estar localizadas nestes municipios. Haberá tres premios en metálico: un 1º de 800 euros; un 2º, de 400; e un 3º, de 200 euros. O xurado, composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio, fará público os nomes dos gañadores o 30 de marzo.

O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente o 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación de Lugo estenderanse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas da Biosfera existentes en España. Esta mostra, que estivo aberta hasta finais de febreiro, foi única en Galicia, pois a meirande parte do material foi cedido por polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade autónoma.

As bases do I Concurso de Fotografía sobre Terras do Miño pódense consultar na páxina web www.deputacionlugo.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.