10/11/09

Europa máis preto

Os resultados das enquisas indican que maioría da cidadanía sinte que a Unión Europea está lonxe, porque non coñecen en que lles afecta ou pensan que non ten importancia. Por iso as iniciativas que contribúen a mellorar o coñecemento que teñen os cidadáns da UE son moi importantes. Un exemplo destas iniciativas é á rede de Centros de Información Europea.

En Lugo contamos dende xaneiro cunha Oficina de Europa Direct xestionada polo Concello de Lugo. Esta oficina ofrece un servizo rápido, directo e accesible para achegarse á Unión Europea desde Lugo. Deste xeito os cidadáns temos máis preto a información relacionada coa UE, porque esta oficina proporciona un servizo de información sobre temas relacionados coa UE.

A oficina ofrécenos este servizo a través de consultas, acceso a documentación relacionada coa Unión Europea, acceso desde os ordenadores do centro ás bases de datos comunitarias e outras fontes de información da UE, ou información a través da súa páxina web e do seu boletín electrónico mensual de toda a actualidade sobre as políticas da UE.

Europe Direct-Lugo, pertencente á rede de Centros de Información Europea, é o punto desde o que o Concello de Lugo ofrece un servizo de proximidade que permite aos cidadáns obter información, asesoramento, axuda e respostas as súas dúbidas sobre a lexislación, as políticas, os programas e as posibilidades de financiación da Unión Europea.

Diríxese a todos os cidadáns, entidades públicas ou privadas que estean interesadas na procura de información sobre a Unión Europea: Administracións, colectivos, empresarios, traballadores, estudantes, profesores, etc. A Oficina de Europa Direct de Lugo está situada na Avenida da Coruña 490 (Antigo cuartel de Garabolos).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.