04/02/13

#CancerEnLugo

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) comezaremos este luns día 4 unha nova campaña nas redes sociais para reclamarlle á Xunta os servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, coincidindo co Día Internacional contra o Cancro. En AgrupaLugo decidimos realizar esta campaña despois do éxito que tivo nas redes sociais a campaña #InfartarEnLugo, coa que se reclamou a Unidade de Hemodinámica para o HULA.

Por este motivo poñerase en marcha esta campaña nas redes sociais para mobilizar á cidadanía lucense e solicitar estes servizos sanitarios no HULA, para que Lugo deixe de ser a única provincia galega sen dispoñer de Radioterapia e Medicina Nuclear.

Esta campaña denomínase #CancerEnLugo e pretende que a cidadanía se sume á petición de AgrupaLugo, reclamándolle á Xunta Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA. Deste xeito dende AgrupaLugo invitamos aos lucenses a compartir nas redes sociais a imaxe desta campaña e a difundir o hashtag #CancerEnLugo, xunto coas consecuencias de non ter Radioterapia e Medicina Nuclear na provincia de Lugo.

A imaxe e a información desta campaña poderán compartirse dende as redes sociais das que dispoñemos en AgrupaLugo, coa nosa páxina en Facebook: http://www.facebook.com/AgrupaLugo e co noso Twitter: https://twitter.com/AgrupaLugo.

Ademais dende AgrupaLugo e as asociacións integrantes participaremos na concentración para demandar a dotación dos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. Esta concentración terá lugar o 4 de febreiro ás 17:00 horas diante da entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Ante a importancia deste asunto, dende AgrupaLugo animamos a tódolos veciños e veciñas de Lugo a que se sumen á petición de Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA, compartindo esta campaña nas redes sociais e asistindo á concentración prevista para este luns.

Dende AgrupaLugo non descartamos seguir realizando as accións que sexan necesarias ata conseguir dispoñer de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. O obxectivo de todas as accións será sempre o de solicitar o maior número de apoios nun asunto prioritario para Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.