29/01/13

De cárcere a centro cultural


Están avanzando as obras que se están realizando no Vello Cárcere e coas que se converterá nun centro cultural. Trátase dunha obra moi importante para Lugo, xa que vai quedar no centro da cidade unha dotación cultural e social que lle vai dar un bo servizo ao centro e imos recuperar un edificio moi importante tanto a nivel urbanístico e histórico. Esta obra financiada polo Plan Urban está dividida en dúas fases debido á complexidade do proxecto.

As obras da primeira fase inclúen o patio do Vello Cárcere que se vai transformar nunha zona para exposicións e eventos, as antigas celas de homes que se situaban no espazo circular que dá ao patio, e as celas de mulleres que están nun módulo tralas celosías que dan ao patio central. Tamén se inclúe o módulo traseiro, que se destinará a estudo e exposición dos restos arqueolóxicos da cidade.

O proxecto para a segunda fase prevé a creación dunha zona de recepción, un punto de información, unha tenda de produtos relacionados con Lugo e coas exposicións que se fagan no novo Centro cultural. Tamén haberá unha pequena biblioteca e un auditorio con 137 prazas dotado con escenario, vestiarios e cabina de control. Este auditorio facilitará a organización dalgúns actos que agora se celebran no Salón de Plenos da Casa do Concello, como a presentación de libros, e tamén para audicións ou representacións, coa vantaxe do seu emprazamento no centro. Outro servizo co que se dotará ao edificio, aproveitando a súa proximidade ao Casco histórico, é unha cafetería con terraza e miradoiro que irá situada na última planta. 

O custe total do proxecto para a rehabilitación do Vello Cárcere, que se financia con fondos do Plan Urban, ten un presuposto de 4,6 millóns de euros. As achegas da Unión Europea, a través dos Fondos FEDER, da Deputación provincial e do Concello de Lugo fan posible acometer esta importante actuación que supón, xunto coa rehabilitación dun edificio emblemático da cidade, a creación dun centro cultural no centro histórico e tamén está a xerar emprego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.