17/01/13

Lugo necesita Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear


A Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) e todas as asociacións integrantes participararemos na concentración para demandar a dotación dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti e que terá lugar o 20 de xaneiro diante do Pazo de Feiras e Congresos.

Dende AgrupaLugo participaremos nesta concentración, porque estamos convencidos de que a cidadanía e os colectivos lucenses temos que reclamar uns servizos sanitarios que son tan necesarios para a nosa provincia, porque coa posta en marcha deste servizos aforraríase unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Ante a importancia deste asunto, AgrupaLugo xa está a realizar unha campaña nas redes sociais que se denomina #InfartarEnLugo e coa que se busca reclamarlle á Xunta o servizo de Hemodinámica para o HULA. Hai que destacar a boa acollida que está a ter esta campaña e na que xa participaron numerosos lucenses compartindo o hashtag #InfartarEnLugo, xunto coas consecuencias de non ter Hemodinámica na provincia.

Ademais AgrupaLugo seguirá realizando as accións que sexan necesarias ata conseguir dispoñer destes servizos sanitarios. O obxectivo de todas estas accións será o de mobilizar á sociedade lucense e solicitar o maior número de apoios nun asunto prioritario para Lugo.

Deste xeito, dende AgrupaLugo preténdese que a cidadanía se sume a esta petición, reclamándolle á Xunta uns servizos sanitarios que son tan necesarios para a provincia. Ademais tendo en conta que Lugo é unha das provincias máis avellentadas, non só de Galicia, senón tamén de España, a dotación destes servizos aínda é máis necesaria se cabe.

Anímovos a tódolos veciños e veciñas de Lugo a que asistades á concentración que se celebrará o 20 de xaneiro ás 12:00 horas diante do Pazo de Feiras e Congresos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.