11/01/13

#InfartarEnLugo


Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) criticamos que o Presidente da Xunta de Galicia e a Conselleira de Sanidade aínda non responderan á petición por escrito que lles fixemos e onde lles pedimos que cumpran a súa promesa de apertura da Unidade de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Por este motivo dende AgrupaLugo puxemos en marcha unha campaña nas redes sociais para mobilizar á cidadanía lucense e solicitar a apertura da Unidade de Hemodinámica no HULA, para que Lugo deixe de ser a única provincia galega sen dispoñer dunha unidade deste tipo.

Esta campaña denomínase #InfartarEnLugo e pretende que a cidadanía se sume á petición de AgrupaLugo, reclamándolle á Xunta o servizo de Hemodinámica para o HULA. Deste xeito dende AgrupaLugo invitamos aos lucenses a compartir nas redes sociais a imaxe desta campaña e a difundir o hashtag #InfartarEnLugo, xunto coas consecuencias de non ter Hemodinámica na provincia de Lugo.

A imaxe e a información desta campaña poden compartirse dende as redes sociais das que dispoñemos en AgrupaLugo, coa nosa páxina en Facebook: http://www.facebook.com/AgrupaLugo e co noso Twitter: https://twitter.com/AgrupaLugo.

Ante a importancia deste asunto, dende AgrupaLugo seguiremos realizando as accións que sexan necesarias ata conseguir dispoñer de Hemodinámica no HULA, porque aforraríase unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Dende AgrupaLugo tamén contemplamos realizar outras accións, entre as que figuran a de recoller sinaturas da cidadanía lucense, pedir entrevistas cos distintos grupos parlamentarios, coa Conselleira de Sanidade e co Presidente da Xunta de Galicia. O obxectivo de todas estas accións será o de solicitar o maior número de apoios nun asunto prioritario para Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.