15/07/11

Internet é prioritario no rural


Tal e como vos acabo de adiantar fai uns minutos a través das redes sociais, o Valedor do Pobo dálle a razón a AGRUPALUGO e suxírelle á Xunta de Galicia prioridade no desenrolo da banda larga no rural de Lugo e un acceso de calidade.

Deste xeito o Valedor do Pobo responde ao escrito de queixa que presentamos dende AGRUPALUGO ante esta Institución, no que criticamos o total abandono ao que a Xunta de Galicia está a someter o seu compromiso coa banda ancha no medio rural de Lugo, xa que pesar de ser a Xunta quen ten a competencia nesta materia, o Goberno galego non se preocupa por levar Internet ao rural. Motivo polo cal dende AGRUPALUGO denunciamos a través dos medios de comunicación que co novo sistema de identificación animal a Xunta "tómalle o pelo aos gandeiros".

O escrito de queixa que presentamos ante o Valedor do Pobo deu lugar a un expediente, que foi admitido a trámite e que rematou cunha investigación pola súa parte. E a continuación fago público no meu blog o resultado completo desta investigación que levou a cabo o Valedor do Pobo a instancia de AGRUPALUGO:

"Dita queixa refírese ás dificultades que no ámbito rural de Lugo existen para acceder a Internet, especialmente no ámbito das explotacións gandeiras. Como vostede sabe, tras o estudo e análise deste asunto, fixemos unha suxestión á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia para que no desenrolo da banda larga en Galicia dese prioridade os sectores que por razóns profesionais teñan necesidades dun acceso a Internet de calidade.

Esta Secretaría Xeral respondeu afirmativamente a dita suxestión. Así mesmo, indica que nos despregamentos do Plan Banda Larga de Galicia 2010-2013 da Xunta de Galicia se terá en conta ademais da demanda da poboación do rural de Galicia a demanda do sector empresarial e do sector público. Téñase en conta que se trata dun plan a catro anos e que nos próximos meses iniciaranse novos despregamentos co fin de seguir incrementando a porcentaxe de acceso de calidade no rural de Lugo."

Así que agora dende AGRUPALUGO velaremos polo cumprimento dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia de levar a banda larga ao rural, para que se garanta a igualdade de toda a cidadanía de acceso aos dereitos e aos mesmos servizos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.