23/07/11

Actividades nos Telecentros Rurais


Os Concelleiros de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, e o de Zona Rural, Manuel Chaín, xunto cos técnicos do Proxecto PARNET-tic no Concello de Lugo, visitamos varios telecentros rurais. Nestas visitas presentámoslles o programa formativo de verán aos pedáneos e aos representantes das asociacións veciñais das parroquias.

Este programa desenvolverase durante o mes de agosto nos telecentros rurais das parroquias de Castelo, Coeses, Santiago de Saá e San Xoán do Campo. O programa contén actividades de difusión e formación sobre as Novas Tecnoloxías, que se desenvolverán nestas parroquias da zona rural do municipio dentro do Proxecto europeo PARNET-tic.

O programa formativo ten por obxectivo iniciar os usuarios no uso de Internet e das Novas Tecnoloxías aplicadas ao uso cotián. Un programa dirixido a toda a cidadanía, con actividades para os nenos, os pais, os maiores, as PEMEs e os agricultores.

O equipo de PARNET-tic no Concello deseñamos a programación destas actividades, establecendo o calendario e os horarios nos que se desenvolverán, para o cal contamos coas suxestións dos pedáneos e dos representantes das asociacións veciñais.

O Proxecto europeo PARNET-tic está destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais, fomentando o acceso ás infraestruturas da comunicación e á sociedade da información. Este proxecto intégrase no programa de cooperación territorial "Espazo Sudoeste 2007-2013" da Unión Europea.

E dende o meu blog animo a tódolos lucenses a participar nas distintas actividades que organizamos dende o Concello de Lugo nos distintos telecentros municipais da zona rural e da cidade. Para máis información no teléfono 010 do Concello ou na web www.lugo.es.


P.D.: Quero condenar rotundamente a matanza de Utoya e o atentado cometido en Oslo. Ademais quero mostrarlle a miña solidariedade aos compañeiros das Xuventudes Laboristas, ao Goberno de Noruega e ás familias dos falecidos, aos que lles quitaron a súa vida nuns actos que non teñen ningunha xustificación.

Como estou de vacacións, vou a descansar uns días para volver con máis enerxías. Así que volverei a estar con vos no meu blog á volta. Ata entón pasádeo moi ben e que teñades un feliz verán!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.