17/01/08

A ordenación do territorio

Sen lugar a dúbidas o tema do urbanismo está moi presente na actualidade en Galicia. Porque só temos que fixarnos nas construcións que se realizan en lugares nos que non se debería poder edificar. Exemplos disto son ao carón da costa, nas beiras dos ríos ou no medio dos montes. E o peor é que isto ás veces trae graves consecuencias, como as inundacións de edificios, o grave impacto visual que xeran ou que haxa un incendio forestal que os poña en perigo.

Tamén ocorre o caso de que nos podemos atopar industrias no medio rural, que non teñen nada que ver coas actividades que se desenvolven no rural e que, polo tanto, o lugar no que deberían de situarse é nun polígono industrial. Porque parece que non se pensa nas consecuencias que pode traer consigo isto, xa que no rural unha empresa non ten os servizos necesarios para realizar a súa labor. Entón atopámonos con problemas de que non trata correctamente os seus residuos industriais e emprega os contedores de uso domiciliario, ou os problemas que poida causar no subministro eléctrico para as persoas que viven nesa zona.

Especialmente en Galicia está presente a concepción de que se debe de poder edificar en calquera lugar, especialmente nos pobos. E a xente quere construír a súa vivenda no medio do monte, afastada dos núcleos de poboación. E logo quererá que lle proporcionen servizos, como por exemplo o asfalto da pista de acceso, o alumeado público, o saneamento ou que lle leven o cable do teléfono ou o da electricidade. E a dispersión dos núcleos de poboación e das vivendas é un dos grandes problemas deste país. Algo que se converte nun obstáculo á hora de poder garantilos servizos públicos en moitos lugares. E deste xeito non pode haber igualdade entre os cidadáns independentemente de onde vivan.

Así que débese de ordenalo territorio para protexelo e poñelo en valor. Obxectivos que han de acadarse dende o respecto ao territorio e planificando o crecemento urbanístico. E neste sentido vai encamiñada a campaña por un urbanismo responsable que fixo recentemente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. E xa se tomaron algunhas medidas, como son a Lei de Medidas Urxentes ou os planeamentos urbanísticos adaptados á lexislación vixente. Pero hai que seguir traballando neste campo para mellorar a calidade de vida da sociedade galega, porque como di o lema desta campaña, onde vivimos, importa.

1 comentario:

  1. Gustoume moito o teu artículo. É certo que nunha nación como Galiza que ten a mitade dos núcleos de poboación de España é dificil ter certos servizos completamente universalizados. Coido que máis que dificil é imposíbel e en caso de que se lograse prestar todos os servizos seguro que o custo medio ambiental sería xigante. Aínda non sei ben os planes da concellaría pero prometo velos.
    A túa última frase, moi institucional, ou non?

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.